O gañador das primarias abertas de Compromiso por Galicia en Compostela, Xosé Antón López, iniciou este mércores a súa carreira electoral nunha das prazas que máis olladas concentrarán na noite do 24 de maio. Ante unhas 200 persoas reunidas no histórico hotel Compostela López despexou definitivamente unha das incógnitas de CxG na cidade: finalmente optarán por concorrer en solitario aos comicios cun proxecto a longo prazo que comece por recuperar o tempo tras un mandato, o primeiro do PP "frustrante e perdido".
Acompañado polo secretario xeral da formación galeguista, Xoán Bascuas, e arroupado por representantes de diferentes ámbitos da cidade López subliñou no seu discurso a necesidade de que Santiago poida "recuperar o seu liderado e o seu papel como capital de Galicia". O labor do PP no Pazo de Raxoi, primeiro con Conde Roa, despois con Ángel Currás e finalmente con Agustín Hernández, afirma, "non serviu para nada". E a política, subliña, ten que servir para "resolver problemas da cidade".
"Non se estań articulando solucións para os problemas reais da veciñanza", asegura o alcaldable de Compromiso. Neste sentido, asegura que entre as súas propostas figurarán, por exemplo, unha reestruturación do modelo territorial da capital e a súa contorna, apostando por que a Área Metropolitana de Santiago transcenda o deseño das provincias e inclúa, por exemplo, os concellos da Estrada e Lalín, tradicionalmente ligados ao santiagués na vida diaria. López tamén aposta, asemade, por darlle utilidade á vella terminal do aeroporto de Lavacolla, que "non se pode ter podrecendo".
López lamenta que o PP non buscase "solucións aos problemas reais da veciñanza" e ratifica que CxG concorrerá en solitario aos comicios
Alén de que presentará un programa completo, explica, "algunhas políticas" deberán ser consensuadas coa veciñanza e por iso, di, cómpre "darlles voz aos veciños para que expresen a súa opinión", a comezar por reactivar os concellos veciñais e sectoriais. Esa participación, salienta, deberá estar tamén en primeiro plano á hora de elaborar as contas públicas da cidade e por iso CxG defenderá o modelo de orzamentos participativos.