Denuncias de carretaxe entre viño e empanada

Imaxes da suposta carretaxe en Rairo CC-BY-SA AGE

A medida que pasan as horas da xornada electoral sucédense por Galicia, uns comicios máis, as denuncias de presuntas prácticas irregularidades no normal desenvolvemento das votacións, desta volta espalladas con maior rapidez grazas ás redes sociais de internet. Cidadáns individuais e as principais forzas políticas diferentes do PP están a poñer o acento neste tipo de situacións, especialmente en casos de suposta "carretaxe" de persoas maiores, isto é, do transporte de anciáns e anciás aos locais de votación co presunto obxectivo de influír na súa decisión de sufraxio. Isto é o que aconteceu, segundo Alternativa Galega de Esquerda (AGE) con "trescentos residentes da residencia de Rairo", en Ourense. Trátase de "xente con alzheimer avanzado" que "non sabe o seu propio nome" pero "foi carretada por monxas no transporte adaptado da Xunta", aseguran. Este caso foi posto en coñecemento da Xunta Electoral ourensá, que á súa vez a remitiu ao xulgado de garda por se fose "constitutivo de delito".

Non é este o único caso de suposta "carretaxe". Así, PSdeG e BNG difundiron ao longo da xornada imaxes do colexio electoral da rúa río Neira, en Lugo, próximo a un asilo, a onde relixiosas do propio centro de maiores e tamén destacados dirixentes locais do PP -como o ex presidente provincial e actual membro do Consello de Administración da CRTVG, José Luis Iravedra-, foron vistos empurrando persoas en cadeiras de rodas ata as urnas. Do mesmo xeito, os socialistas aseguran que tamén foron "carrexadas" trinta persoas dende outra residencia, no Carballiño.

Sen saír da provincia de Ourense AGE salienta tamén que "un autobús con propaganda do PP permaneceu aparcado" diante dun colexio electoral en Esgos -concello onde a corporación municipal está integramente formada por concelleiros conservadores- e que, en varios colexios, "faltaron papeletas" doa coalición e apareceron "sobres de votación que conteñen papeletas do PP para provocar o voto nulo", algo que aconteceu "na mesa de Santa Mariña do Monte" e na delegación de Sanidade, na capital da provincia.

Pola súa banda, o BNG comunica que "denunciamos ante a Xunta Eleitoral de Pontevedra que representantes da administración eleitoral están a actuar como apoderados do PP". Mentres, dende o colexio electoral de Santa María de Teo, preto de Compostela, representantes de Compromiso por Galicia alertaban de que membros do PP estaban a "repartir viño e empanada" nas inmediacións do local destinado ás votacións.

 

 

Autobús con imaxe promocional do PP, en Esgos CC-BY-SA AGE
Imaxes da suposta carretaxe en Rairo CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.