Dez mil euros de fianza para os candidatos do PP en Carnota que serán xulgados polo TSXG

Concello de Carnota © ayuntamientos.es

O proceso xudicial que o TSXG instrúe contra o ex alcalde de Carnota José Oreiro e a deputada no Parlamento galego Marisol Piñeiro por presuntos delitos de prevaricación vén de darlle un novo revés ao Partido Popular ao impoñer a Fiscalía senllas fianzas de 10.000 euros aos dous imputados, candidatos populares nas eleccións municipais: José Oreiro como número 1 e Marisol Piñeiro como número 3. Oreiro e Piñeiro foron acusados ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por supostos delitos de prevaricación na contratación cometidos cando eran alcalde e tenente de alcalde, respectivamente, do Concello de Carnota. Asi mesmo ao secretario interventor municipal Carlos Bousoño tamén lle impoñen fianza, neste caso de 6.000 euros.

A Fiscalía, nun durísimo escrito, entende que existen delitos suficientes para procesar a José Oreiro, Marisol Piñeiro e Carlos Bousoño. No caso dos membros da candidatura do PP de Carnota, entende que incorreron nunha contratación "sen ningún tipo de formalidade nin axuste á legalidade" na que ambos participaron tanto na decisión inicial como nas sucesivas prórrogas e modificacións de contrato, o que constitúe un delito de prevaricación tipificado no artigo 404 do Código Penal. No caso do secretario, a fiscalía considérao "cooperador necesario" por ser o que asesorou os outros dous na comisión do delito.

O TSXG ordenou que José Oreiro declare ante o tribunal o vindeiro martes 19 de maio ás 10 horas. No mesmo escrito o xulgado admite que o Bloque Nacionalista Galego exerza a acusación popular, logo de que o pasado 10 de abril PP e PSOE sumaran os seus votos no pleno para impedir que o Concello de Carnota puidese facer o mesmo.

O Bloque tamén pide que os populares "confirmen se van a continuar ou non sendo candidatos do PP en Carnota por estar encausados xudicialmente con acusacións en firme e fianza"

O BNG de Carnota salienta que "ante a gravidade da situación" José Oreiro e Marisol Piñeiro "xa non están lexitimados para ocupar ningún cargo público polo que o PP debe aclarar se vai esixir a dimisión dos seus cargos", no Concello de Carnota (os dous son concelleiros do PP en Carnota) e no Parlamento (Marisol Piñeiro é actualmente deputada). O Bloque tamén pide que os populares "confirmen se van a continuar ou non sendo candidatos do PP en Carnota por estar encausados xudicialmente con acusacións en firme e fianza". "No caso contrario, todo cando levan predicando sobre o suposto compromiso do PP contra a corrupción demostrarase un engano masivo á cidadanía", engaden a formación nacionalista.

 

O Caso

O procedemento penal comezou grazas a unha denuncia formulada en xaneiro de 2013 polo actual alcalde, Ramón Noceda. En 2007 o Concello de Carnota contratara unha muller como administrativa de apoio á alcaldía. Foi unha das varias contratacións que xa no seu momento denunciaran os nacionalistas polo seu elevado custe para as contas municipais, pois nos seus primeiros meses de xestión, Oreiro despediu 9 traballadores que por teren subvencións supoñían un gasto de só 10 mil euros anuais ao concello, para logo contratar para as mesmas funcións 8 traballadores por un custe de 150 mil euros. Pero, ademais, a contratación desta asesora fíxose, segundo o fiscal, saltando "os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxetividade".

Ao longo da instrución, o fiscal sinalou que José Oreiro e Marisol Piñeiro mentiron ante o xuiz, ao asegurarlle que manexaron o currículum de varios aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Segundo o BNG, isto foi desmentido polo Secretario municipal, que negou que chegara ningun curriculum ao concello. Na instrución comprobouse, ademais, que quen asinou efectivamente o contrato desta persoa foi Marisol Piñeiro, pois José Oreiro estaba de baixa médica. Posteriormente a alcaldía asinou "arbitrariamente prórrogas, cambios de posto e categoría, subidas de soldo, transformárona en indefinida e e lle aumentaron o soldo a uns 3.000 € brutos ao mes, todo iso sen mediar máis procedemento que sucesivos decretos de alcaldía asinados indistintamente por José Oreiro ou Marisol Piñeiro", segundo os nacionalistas.

Concello de Carnota © ayuntamientos.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.