O deputado de En Marea Juan Merlo abandona a súa acta de deputado no Parlamento de Galicia. O tamén secretario de organización de Podemos Galicia, que fora número 4 da formación nas eleccións de 2016 por Pontevedra, dimite como membro da Cámara e do seu cargo no partido despois de que, ao fío do caso Cifuentes, o xornal ABC publicase que no seu currículum público na web do Parlamento figura que é "Enxeñeiro", cando realmente non conta con ese título universitario porque non concluíu a formación.
Merlo admite o acontecido como un "erro" que lle provoca "vergoña": "Formeime como enxeñeiro, pero non acadei a titulación"
Nunha primeira comparecencia ante a prensa a iniciativa propia Merlo admitiu o acontecido como un "erro" que, admitía, lle provocou "bochorno e vergoña". "Formeime como enxeñeiro, pero non acadei a titulación", xa que non a deu compatibilizado co traballo nuns grandes almacéns. "Nunca perseguín mentir nin inchar o currículo", dixo, antes de admitir que "evidentemente, hai unha información errónea" e "teño moita parte de culpa" por non "corrixila" ou "matizala", se ben coida que o caso non é equiparable ao máster presuntamente fraudulento da presidenta da Comunidad de Madrid. Esa matización si existía na web de Podemos, onde indica que Merlo se "formou" nese ámbito, pero sen referencia a titulación ningunha.
O ata agora deputado dimite tamén como secretario de organización de Podemos Galicia
A marcha de Merlo foi cualificada pouco despois como "exemplar" dende a dirección estatal do partido, en verbas da súa voceira no Congreso, Irene Montero. En declaracións a laSexta, Montero resaltou que o xa ex-deputado "deixou de estudar para axudar á súa familia", pero "se puxo" que era enxeñeiro "e non era verdade, debe dimitir".
A dimisión de Merlo chega nun momento especialmente delicado para o grupo parlamentario de En Marea, cuxa cohesión se viu fortemente cuestionada nas últimas semanas polo conflito xerado en torno a Paula Quinteiro, a deputada que se viu implicada nun altercado coa Policía Local compostelá. Dáse a circunstancia de que Merlo, como Quinteiro, foi parte da lista pontevedresa de En Marea, polo que a súa marcha obrigará á entrada doutra persoa para substituílo.
O seguinte membro da lista sería o pontevedrés Xoán Hermida, se ben o tamén membro de Marea Pontevedra xa advertiu, no marco do caso de Quinteiro, que renuncia ao posto. A continuación naquela candidatura figuraba Julia Torregrosa, membro de Podemos como Quinteiro e Merlo.