Do doutor Xocas a Mr. Leiceaga

Leiceaga cos ex-presidentes Laxe e Touriño Dominio Público PSdeG

En 2009 Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta logo de máis de tres anos liderando o PP galego, encabezando o seu grupo parlamentario e atacando desde o seu escano ao bipartito de Touriño e Quintana. Por se iso non bastase, os xoves, o mesmo día en que se celebra o Consello da Xunta, Feijóo comparecía formalmente ante os medios de comunicación e tentaba desmontar as medidas adoptadas polo goberno galego, logrando en moitas ocasións marcar el mesmo a axenda política. A falta de tempo e espazo, o PSdeG tenta agora construír de xeito acelerado unha imaxe institucional para o seu candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga, empezando por esa comparecencia semanal ante os medios de comunicación.

O PSdeG quere construír unha imaxe institucional do seu candidato cunha comparecencia semanal coa que intentar marcar a axenda política, do mesmo xeito que fixo Feijóo en 2009

Leiceaga, Xocas para os coñecidos, doutor en Economía, é candidato á Xunta desde hai tan só mes e medio, e non vai pasar medio ano antes de que se celebren as eleccións. Desde que foi elixido nas primarias socialistas ten comparecido numerosas ocasións ante os medios de comunicación. Pero foi a deste mércores a primeira en que o seu partido convocou o encontro como “rolda de prensa semanal do candidato”. Fontes socialistas explican o por que do día elixido, fronte aos xoves polos que optara Feijóo na oposición. Segundo a súa tese, os consellos da Xunta están agora máis baleiros de contido que en 2009 e o medios de comunicación dan máis valor ás declaracións que Feijóo fai de calquera outro tema de política xeral que ao que di sobre o efectivamente aprobado polo seu goberno. Nesa liña, o PSdeG aspira a que Leiceaga sexa quen de introducir as súas propias propostas e críticas na axenda política os mércores e que Feijóo lle responda os xoves desde o atril de presidente da Xunta.

Os anteriores candidatos socialistas aproveitaban o seu escano no Parlamento, que non ten Leiceaga, para ter máis visibilidade

Ao contrario que Leiceaga, os anteriores candidatos socialistas á presidencia da Xunta, como Feijóo, aspiraban ao cargo desde un escano no Parlamento de Galicia que lles daba unha notable proxección mediática. O antecesor de Leiceaga, Pachi Vázquez, aspirante en 2012, aproveitaba as súas preguntas ao presidente, dous mércores ao mes durante os períodos de sesións parlamentarias, para tentar introducir na axenda, e moitas veces logralo, cuestións que presentaba como “escándalos” do goberno popular. E o mesmo facía Feijóo co bipartito ata 2009 tanto no Parlamento como na súa rolda de prensa dos xoves.

Este mércores, na súa primeira comparecencia, Leiceaga falou sobre paro e economía, cuestións coas que se sente cómodo pero que non conseguiron atraer a atención dos xornalistas presentes. A primeira pregunta que recibiu foi a crise interna do grupo parlamentario socialista. “Non hai novidades e non teño máis que engadir”, dixo. A segunda pregunta foi sobre o debate interno no PSdeG para a configuración das listas electorais. Só na terceira e última pregunta se lle deu pé a incidir na súa crítica ao PP ao pedirlle unha valoración sobre o informe do Consello Económico e Social, presentado este mesmo mércores, que alerta do incremento da desigualdade.

O candidato está a manter reunións de traballo cos grupos municipais socialisas e encontros sectoriais

Xunto coas comparecencias semanais, Leiceaga está mantendo tamén reunións de traballo cos grupos municipais socialistas das cidades e as principais vilas e encontros sectoriais, como o que mantivo o pasado venres en Lugo sobre políticas sociais ou o que celebrará este venres en Lalín sobre o sector lácteo. O obxectivo final de comparecencias e encontros é que o ata o de agora profesor universitario e deputado autonómico entre 2005 e 2012 adquira un perfil máis institucional que o presente ante a opinión pública como un posible presidente da Xunta.

Leiceaga, Cancela, Vilán e outros membros do PSdeG, na presentación do candidato á Xunta CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.