Podemos e En Marea continúan atrancados e chegan sen solución á recta final da negociación. Rematado xa este mércores o prazo para a inscrición de candidaturas de primarias nos dous procesos paralelos e a tan só un día -o venres á noite- de que remate o tempo para inscribir unha hipotética coalición, as diferenzas seguen. Para intentar arranxalo, a formación morada vén de enviar a Galicia o seu secretario de Organización, Pablo Echenique. Será a última oportunidade que se dean.
Echenique intentará desatrancar un acordo que xa só pode acadarse este xoves
A última hora do mércores e tras outra xornada intensa de negociacións, coa dirección estatal de Podemos pendente delas, tampouco houbo fumata branca. As dúas opcións sobre a mesa continuaban firmes: ou a integración da formación morada en En Marea, aceptando o manifesto e presentando as súas listas como un máis "en pé de igualdade" ou primarias separadas e unha coalición posterior do espazo de confluencia co partido que dirixe Pablo Iglesias, opción que rexeita frontalmente o espazo de confluencia.
Podemos pediu unha nova prórroga na presentación de candidaturas ás primarias de En Marea unha hora antes de pecharse o prazo
Podemos, no seu intento de evitar a ruptura, pediu unha nova prórroga do prazo para a inscrición nas primarias ás once da noite, tan só unha hora antes do límite, o que fixo inviable que se lles concedese logo de que En Marea xa alongase os tempos no día anterior. Xa que logo, o espazo de confluencia proclamará na mañá deste xoves as listas provisionais para o seu proceso interno e, obviamente, non estarán as de Podemos, que mantén o seu camiño paralelo.
"Só hai unha vía extraordinaria, unha posible solución. E este xoves quedará todo definido", advirten fontes de En Marea, que insisten en que a condición da integración no partido instrumental e a inclusión no proceso de primarias xa en marcha na confluencia é "firme e unánime". Ou Podemos acepta diluírse no espazo e participa nas primarias "en igualdade de condicións" ou non hai acordo. De habelo, terían un prazo extraordinario para facelo.
A única solución "extraordinaria" é que Podemos acabe aceptando diluírse na Marea; nese caso, daríanlle un prazo extra para incribir as súas candidaturas nas primarias
A solución de última hora pasaría por que a formación morada aceptase o acordado pola Marea Constituínte a última fin de semana en Vigo. Sen máis. Tería "aínda tempo ata o domingo", como lembran desde En Marea, para mobilizar a súa militancia e que se inscribise no censo das primarias da confluencia. "Os que non estean de acordo non se inscribirían, pero iso xa non é problema noso", aclaran as mesmas fontes, que asumen que as solicitudes e apuros "a última hora" desde Podemos están a complicar a situación. "O que teñen que decidir é se queren ir con nós ou en solitario", dixo xa publicamente o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.
Malia as dificultades, desde a confluencia son "máis optimistas" que hai tan só dous días, aínda que asumen que En Marea e Podemos poderían concorrer por separado ás eleccións. Nese caso, habería un pacto de "non agresión" que evitase a confrontación durante a campaña. Con todo, entenden que a chegada de Echenique só responde a un intento por lograr un amaño. "Deben deixar de pensar só no 25S e pensar máis no día seguinte, na oportunidade dun espazo común e nese momento que hai que despregarse", advirten.
Ao tempo, Anova, EU e as diferentes mareas municipalistas presentan xa as súas listas ás primarias de En Marea. A proclamación delas será este xoves e o seu número pode ir desde as 7 dalgunha provincia atlántica até as 2-3 das do interior.
Villares preséntase pola provincia de Lugo
Por outra banda, Luís Villares anunciou a súa decisión de concorrer ás eleccións galegas como cabeza de lista pola provincia de Lugo. Ademais, a coordinadora provisional de En Marea anunciou xa que é o único candidato a primarias para a presidencia da Xunta e que sería presentado este mesmo xoves.
“Tradicionalmente a provincia da Coruña foi a cabeza de lista simbólica por aquilo de ter maior poboación. Creo que é hora de que a Marea Galega marque as súas pautas propias na política galega, de xeito que os candidatos e candidatas poidan postularse polo lugar no que naceron, ou no lugar no que fan a súa vida persoal ou profesional”, declarou Villares sobre a elección da circunscrición pola que se presenta. “Lugo é o meu lugar de nacemento, o meu lugar de residencia e a miña traxectoria profesional estivo moi vinculada a esta provincia”, insistiu.
“A Marea Galega non quere deixar a ninguén atrás nin entende que uns territorios están sobre outros"
O aspirante a candidato á Xunta por En Marea engadiu o seu compromiso coa Galicia que "por razóns de poboación ou de abandono tivo un lugar secundario na política galega". “A Marea Galega non quere deixar a ninguén atrás nin entende que uns territorios están sobre outros, sempre defenderemos un equilibrio territorial e o principio de solidaridade entre as poboacións poboadas e as máis despoboadas", engadiu, tras destacar que o número de inscritos para participar nas primarias da confluencia supere xa as 5.500 persoas.