Empate entre Podemos e PSOE na carreira por seren alternativa dun PP á baixa

Rajoy, con De Cospedal e Floriano na xunta directiva do PP © PP

Volatilidade. É a principal característica do panorama político estatal, máis aínda dende as recentes eleccións andaluzas. Despois de que o pasado marzo o PP recuperase a primeira posición en estimación de voto en detrimento de Podemos, que a viñera ostentando durante os meses anteriores, os de Mariano Rajoy mantéñense en cabeza pero á baixa e, por tras deles, o partido que lidera Pablo Iglesias e os socialistas móvense nun escenario de empate técnico na carreira por convertérense en alternativa de Goberno nas xerais previstas para o vindeiro outono, das que a única posibilidade de maioría absoluta sería a suma de populares e socialistas.

Segundo a edición de abril d'O Mirante, o panorama electoral elaborado polo analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego de celebrárense agora as eleccións xerais os populares lograrían un 26% dos votos, case 20 puntos menos que en 2011. Esta caída de máis de medio punto a respecto da estimación de marzo explícase polo trasvase cara a Ciudadanos de antigos votantes do PP nun contexto no que, non obstante, o novo reparto de sufraxios permitiría que o PP mellorase lixeiramente a súa expectativa de escanos no Congreso, situándose nun intervalo de entre 114 e 121, isto é, entre 60 e 70 menos que na actualidade.

O PP segue 20 puntos por baixo do resultado de 2011 e descende a respecto de marzo, aínda que mellora lixeiramente a estimación de escanos

O segundo posto torna nunha praza aínda máis disputada por mor da aceleración no descenso da estimación de voto para Podemos. O que resulta do método de análise house effects, consistente en abordar conxuntamente os resultados de todas as enquisas publicadas sen o nesgo de cadansúa cociña, é que a formación de Iglesias perde un de cada seis dos votos estimados hai só un mes e a metade dos gañados dende o pasado verán. Quedaría, polo tanto, co 24,6% dos votos e entre 75 e 86 escanos que lle permitirían ser segunda forza tamén no Congreso.

Esta tendencia á baixa é a que facilita o empate técnico co PSOE que, como PP e Podemos, tamén baixa. Esta mingua, non obstante, mantén o partido que encabeza Pedro Sánchez no intervalo de entre o 20 e o 22% que ocupa dende as pasadas eleccións europeas, unha estabilidade que o ubica desta volta no 21% dos votos e entre 78 e 81 escanos, entre unha vintena e unha trintena menos dos obtidos por Alfredo Pérez Rubalcaba hai tres anos e medio.

Ciudadanos ascende, pero ralentiza o seu crecemento e segue por baixo do que lle outorgaron algunhas enquisas

A cuarta peza principal desta panorama é Ciudadanos, que seguen a ascender pero cun ritmo máis leve na segunda metade do mes de abril. O partido de Albert Rivera chegaría ao Congreso con 38 escanos derivados do 13,9% dos votos, un nivel que está por riba do 8,8% que lle outorgaba a estimación de marzo pero aínda por baixo ao que auguraban as enquisas publicadas polos medios do grupo PRISA, que chegaron a debuxar un empate a catro bandas que, á luz dos datos, era inexistente.

Na banda máis baixa Esquerda Unida segue a caer, aínda que non tanto como UPyD, forza que segue a desplomarse mentres medra Ciudadanos. A formación maxenta marca un novo mínimo en toda a lexislatura e quedaría cun único escano, que coa actual configuración sería o de Rosa Díez por Madrid. Esta estimación implicaría, a efectos prácticos, a desaparición este partido como forza competitiva.

O BNG mantense no intervalo de entre cero e dous escanos

No ámbito do soberanismo e do nacionalismo CiU mantense e Esquerra repunta, se ben o avance de Ciudadanos ponos en risco de perderen un escano cada un. En Euskadi tanto PNV como Bildu avanzan e en Galicia o BNG gaña probabilidades de conservar o seu segundo escano, grazas principalmente ao retroceso de IU e Podemos, se ben a porcentaxe de votos segue no 0,5% e, poñendo polo tanto aínda en risco a súa representación na Cámara Baixa.

Iglesias, cos candidatos autonómicos de Podemos CC-BY-SA Podemos
Pedro Sánchez, nun acto político recente © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.