En Común aposta por combater a precariedade dos profesionais para defender a sanidade pública

Encontro de En Común con profesionais da sanidade pública © En Común

As candidatas e candidatos de En Común Unidas Podemos mentiveron un encontro en Vigo con profesionais sanitarios no que debullaron as propostas da formación en materia de saúde. A candidatura fai fincapé no seu programa en reverter os recortes que o sistema sufriu nos últimos anos e combater a precariedade laboral do persoal, un paso imprescindible para asegurar unha sanidade pública de calidade.

"Non pode ser que as persoas que coidan de nós traballen en malas condicións”, dixo Yolanda Díaz

"Non pode ser que as persoas que coidan de nós traballen en malas condicións”, dixo Yolanda Díaz, que criticou que “non hai vontade no resto de partidos para deter os recortes en sanidade, porque o PSOE deixounos soas no Congreso na defensa da sanidade".

Díaz subliñou que “para En Común Unidas Podemos, a sanidade e un elemento central e por iso contamos no noso proxecto con profesionais de renome, como a radióloga Mariquiña Lores, candidata por Pontevedra, e o cirurxián José García Buitrón, candidato por A Coruña”.

"En Vigo a situación é especialmente dramática"

Precisamente unha das protagonistas do encontro foi Mariquiña Lores, candidata por Pontevedra, que destacou que o desmantelamento do sistema público "está baseado en Leis aprobadas no Congreso, tanto do PP como o do PSOE" e denunciou os recortes en Galicia, coa desculpa da crise, "especialmente en atención primaria, camas públicas e redución de persoal". Lores engadiu que "en Vigo a situación é especialmente dramática, a lista de espera para cirurxía é a máis longa de Galicia. A privatización é ineficiente, pero aínda así seguen privatizando".

Encontro de En Común con profesionais da sanidade pública © En Común

Na asemblea interviu tamén o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, a candidata Ángela Rodríguez (Pam), a investigadora médica Isabel Peña-Rey e numerosos traballadores e traballadoras da sanidade pública.

Propón o incremento do número de camas hospitalarias, un programa de recuperación de persoal que tivo que ir traballar ao estranxeiro e o incremento das prazas MIR

No seu programa electoral, En Común destaca como piares a defensa do acceso universal á sanidade e o rexeitamento do copago farmacéutico. Tamén promete medidas para a redución das listas de espera, "garantíndose que ao final da lexislatura ningunha cita cun es­pecialista nin operación que teña que ver cunha patoloxía grave se atrase máis dun mes". Para isto propón o incremento do número de camas hospitalarias, utilización plena dos centros hospitalarios, políticas de persoal in­centivadoras, mellora da capacidade resolutiva da Atención Primaria, dotación de recursos adecuados aos Servizos de Urxencias extrahospitalarios e esixencia da dedicación exclusiva dos traballadores sa­nitarios.  

Defende un incremento da dotación orzamentaria para a Sanidade do actual 6% ao 7,5% do PIB en 2023

Tamén defende un incremento da dotación orzamentaria para a Sanidade do actual 6% ao 7,5% do PIB en 2023, cun aumento do financiamento ás comunidades autónomas para a cobertura destes servizos, o que "permitirá impulsar a atención primaria con recursos suficientes", que suporán "polo menos o 25% do gasto sanitario".

Igualmente, suxire un programa de recuperación de persoal sanitario que tivo que saír a traballar ao estranxeiro e o incremento das prazas MIR. Xunto con medidas como o fortalecemento do sistema de saúde mental, a incorporación da perspectiva de xénero en toda a política sanitaria, a inclusión do servizo de odontoloxía gratuíto e a investigación e abordaxe diagnóstico-terapéutico da endometriose.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.