O plenario de En Marea tiña este sábado dous focos fundamentais de debate político: o xeito en que a estrutura do partido instrumental pode encaixar coas mareas municipais nas eleccións de 2019 e a súa coordinación coa representación no Congreso e no Senado, onde a formación accedeu en 2015 e 2016 como coalición de Podemos, Anova e Esquerda Unida. Ambos asuntos chegaron ao plenario a través de senllos documentos que foron aprobados e apostan por que En Marea sirva de "paraugas" ás formacións locais que así o desexen e, no caso das Cortes, reclama maior "lealdade" a deputados e senadora.
A xuntanza do plenario -interrompido durante a mañá para asistir ás mobilizacións dos pensionistas- viña precedida pola anunciada ausencia dos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol. Antes das eleccións galegas "impulsaron" a constitución de En Marea como partido instrumental, admitiu este sábado o voceiro da formación, Luís Villares, quen a preguntas da prensa instou a lembrar tamén que Ferreiro, Noriega e Suárez apostar por "dar un empurrón" ao proxecto para que puidese "voar", que é o que xa "está a facer", mantén. No encontro si estiveron presentes membros do grupo parlamentario como o tamén portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, Paula Vázquez Verao ou Pancho Casal, así como os deputados no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello e Alexandra Fernández.
A coordinadora chama á "colaboración" coas mareas que "non queiran estar baixo este paraugas"
Con este pano de fondo o plenario abordou o documento que máis atención suscitara nas semanas previas, o relativo ás eleccións municipais. A encargada de defendelo no nome da comisión redactora, a vicevoceira Ana Seijas, defendeu a "lexitimidade" dun texto que, di, pretende en última instancia que En Marea sexa un "paraugas político instrumental" para as formacións locais e, ao tempo, albergue "espazos de colaboración" con aqueloutras que "non queiran estar baixo ese paraugas".
"Debemos cooperar" e "establecer acordos de cooperación e protocolos bilaterais" para "buscar as cousas que nos unen" e "transmitir conxuntamente" cara ao proceso electoral, pero tamén para "visibilizarnos conxuntamente nas deputacións", resalta. O documento, ao que foron incorporadas durante o plenario emendas de membros de Compostela Aberta referidas a eidos como o "banco de ideas" e propostas que as mareas municipais poden compartir, foi aprobado por 197 votos a prol e 6 abstención. O texto, mantén a coordinadora, garante a "autonomía" das mareas locais.
Mensaxe de Beiras a Podemos e EU
Beiras: "Non se é suficientemente leal por parte das forzas de ámbito estatal co cumprimento dos acordos"
O segundo principal relatorio político da xornada, En Marea e o seu grupo parlamentar nas Cortes do Estado, foi exposto ante o plenario polo seu principal redactor, Xosé Manuel Beiras, despois de que Casal expuxese o informe do grupo no Parlamento galego e Fernán-Vello, o do grupo no Congreso. O histórico dirixente resalta que este documento chega nun contexto no que "non se é suficientemente leal por parte das forzas de ámbito estatal" ao "cumprimento dos acordos". O grupo confederal de Unidos Podemos-En Comú-En Marea "non está a funcionar" como tal e "o problema non é Pablo Iglesias", ilustra, senón o "comportamento" dalgúns membros do grupo no que atinxe á "lealdade" con En Marea, di.
Vista do plenario durante a intervención de Villares na sesión de clausura / En Marea
Esa crítica, coida Beiras, "tamén é aplicable a determinados cargos de Podemos Galicia que andan a dicir que non son de En Marea, que son de Podemos, pero foron elixidos" cando En Marea era xa partido instrumental. Esas afirmacións, advirte, supón "defraudar aos electores" e "iso é o que me importa a min, a lealdade cos cidadáns; e non a teñen" nun contexto no que "hai que estar moi unidos e saber cal é o inimigo principal". O documento, que establece canles estables de información e "consulta previa" coa "dirección política de En Marea" para a representación nas Cortes, foi aprobado por 166 votos a prol, 1 en contra e 11 abstencións". Este regulamento, agrega Beiras, non impedirá que o grupo teña "autonomía funcional".
"Se andamos con leas, non conferimos esperanza"
Villares: "Ninguén nos deixou plantados, estamos plantados en defensa da xente"
Tras o debate e votación de documentos, máis áxil que en anteriores plenarios da formación, Villares tomou a palabra na sesión de clausura. A xuntanza deste sábado, reivindicou, consistiu en "traballar para que ninguén quede excluído e quen non queira vir, que non veña", se ben a "porta" segue "aberta" para "traballar para os demais, para os que non coñecemos". "Ninguén nos deixou plantados", senón que "estamos plantados en defensa da xente" e "iso é o que hai que saber", defendeu.
Dende a reivindicación de En Marea como "espazo político soberano" Villares advirte de que "non temos que pedir permiso a ningúen para traballar para os demais". Iso non implica, agrega o voceiro, "renegar de ninguén", porque "dende a lealdade, todo o mundo suma" e "se andamos con leas entre nós, non conferimos esperanza" e a formación non será quen de tecer "alternativas" ás "políticas de contrabando" do PP, subliña.