En Marea chama a PSdeG e BNG a conformar unha Mesa polo Cambio Político en Galicia

Solla, Beiras e Bescansa, na asemblea de En Marea Dominio Público @En_Marea

En Marea chama a BNG e PSdeG a conformar unha fronte común para "botar o PP das institucións en Galicia e en España". A coalición, durante a celebración da súa primeira asemblea xeral en Compostela, instou a constituír unha Mesa polo Cambio Político xunto a Bloque e os socialistas. Foi a número tres da formación morada a nivel estatal, Carolina Bescansa, a que fixo o chamamento que logo foi ratificado polo voceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, que aclarou que a estratexia fora acordada entre os tres actores da confluencia, que enviou unha carta ás dúas formacións apeladas. 

En Marea chama a BNG e PSdeG a conformar unha fronte común para "botar o PP das institucións en Galicia e en España"

"É un chamamento a dialogar", insistiu Beiras, que animou a BNG e PSdeG a dicir "se falan ou non falan". Fíxoo nun discurso marcadamente nacionalista, no que aludiu ás Irmandades da Fala. "Cen anos despois das Irmandades, recoñezámonos no legado da soberanía deste pobo en alianza cos demais" dixo tras advertir que o espazo político das mareas e da confluencia "comeza no Nunca Máis, seguiu no 15-M e agora está no Máis Alá de Manuel Antonio". 

Beiras e Bescansa, xunto a deputada de AGE e membro de EU, Eva Solla, foron os encargados de abrir a asemblea ante arredor dun milleiro de participantes. E alí emprazaron á primeira xuntanza desa Mesa do Cambio Político xa na semana entre o 23 e o 29 de maio. O líder nacionalista insistiu nas bondades das "alianzas a nivel estatal" e cargou contra a indefinición do PSOE.

Na carta enviada a Bloque e PSdeG, En Marea aclara que se trata de acadar "consensos relativos á defensa dos servizos sociais básicos, á rexeneración democrática, ao cambio do modelo produtivo e á democratización efectiva dos procesos de toma de decisións sobre as cuestións centrais da vida política". Ademais, aseguran que esa Mesa polo Cambio Político ten como "obxectivo fundamental" o de compartir os "marcos de análise das distintas organizacións que apostamos pola saída do PP e das súas políticas do Goberno de Galicia e do Estado español e identificar liñas de traballo programáticas que faciliten a tradución construtiva das urnas en maiorías políticas para o cambio".

Tras a súa intervención, os encendidos aplausos a Beiras contrastaron coa máis feble resposta ás alusións e agradecementos de Bescansa "aos compañeiros de Podemos" e cun berro de "si se puede" pouco seguido polos asistentes. Nunha asemblea co obxectivo declarado de procurar vías para "democratizar" a coalición e á procura de minorar as tensións dos últimos meses, o líder de Anova insistiu en que "hai sitio para todos e todas, sobre dous motores: identidade como pobo e lealtade ao común". 

Na asemblea xeral de En Marea estiveron presentes todos os deputados da coalición en Madrid. Ademais, os líderes da confluencia escenificaron unha rebaixa na tensión e as diferenzas amosadas nas últimas semanas. Beiras lembrou que os procesos de confluencia son sempre "moi complicados" porque as forzas que a compoñen son "moi diversas". Desde o resto de forzas, insistiuse en negar o risco de ruptura, tal e como expresou a secretaria xeral de Podemos-Galicia, Carmen Santos. 

 

Partido instrumental

Logo da mesa de apertura e tras a intervención inicial do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, comezaron os labores dos grupos de traballo, que se desenvolveron durante toda a mañá para poñer logo as conclusións en común ante o plenario. Á tarde, seguindo a conclusión da comisión correspondente, acordouse que se debatise a fórmula de concorrencia ás eleccións xerais. Noutra destas comisións, acordouse que a fórmula máis acaída sería a de partido instrumental

As formacións de En Marea insisten na necesidade de mudar a correlación de forzas na Mesa do Congres para obter grupo propio

Respecto desta fórmula xurídica para acudir ás xerais ou a posibilidade de ter grupo propio, desde as formacións que forman En Marea insistiuse na necesidade de cambiar a composición da Mesa do Congreso e lograr novas maiorías para aseguralo. Así, Beiras advertiu que de cumprirse as enquisas e "reduplicarse" os resultados, sería difícil que se impida o grupo galego. "A ver quen é o guapo nas Cortes que retorce o regulamento", dixo. 

Pero ao pedir a quenda de palabra, moitos dos asistentes que interviron insistiron en reclamar a loita polo grupo propio e a busca de fórmulas que, aínda que non o asegurasen, si o achegasen máis. Foi daquela cando os deputados de En Marea no Congreso interviron. 

O parlamentario e membro de Podemos, Antón Gómez-Reino, amosouse convencido do grupo propio "porque Unidos Podemos vai gañar", mentres que Alexandra Fernández, parlamentaria e integrante de Anova, dirixiuse ao público advertindo de que "o grupo propio non é unha teima nacionaista, senón a oportunidade de ter máis voz en comisións e demais para defender as cuestións galegas". 

Moitos dos asistentes que interviron reclamaron un partido intrumental e a necesidade de ter grupo propio

Antes, entre os asistentes, foron moi recorrentes e explícitas as peticións do grupo propio ou da necesidade de apostar polo partido instrumental para achegarse a el. Antom Fente, de CUP Chantada, avogou por un "partido único para participar todos en pé de igualdade", mentres que Mario López Rico preguntouse "por que en Galiza non pode haber un partido instrumental". Paula Verao, pola súa banda, advertiu que "ter un grupo propio no Congreso non é cuesitón baladí" porque "a soberanía é precisa para as cuestións propias galegas". 

Mesmo desde o público, especialmente desde sectores achegados ao nacionalismo, reclamouse a posibilidade de que a aposta polo grupo propio fose votada, cuestión que foi rexeitada polos organizadores por tratarse dunha asemblea consultiva. 

Entre as intervencións tamén houbo quen instou a "aproveitar o traballo das Mareas en Común", como Chus Boo, dos ecosocialistas e Ames Novo. "Deberiamos aprender das cousas que ocorreron desde que empezou En Marea; pediría ás organizacións políticas que escoiten, que atendan e que concedan", engadiu Quique Costas. Ademais, nas comisións, estivo tamén moi presente a necesidade de que o proceso das candidaturas municipalistas acabase confluíndo con En Marea. 

Tampouco faltaron as voces críticas á falta de democracia interna e á ausencia de primarias nunha asemblea que, tal e como destacan algúns dos presentes, as teses de Anova -especialmente no que ten que ver coa posibilidade de concorrer ás xerais como partido instrumental- saíron reforzadas de entre as bases fronte ás de Podemos ou EU. 

Solla, Santos, Beiras e Bescanda, na asemblea de En Marea Dominio Público @En_Marea
Solla, Beiras e Bescansa, na asemblea de En Marea Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.