En Marea propón subir cada ano un 5% o financiamento das universidades ata 2020

Villares presenta o programa de educación de En Marea © En Marea

En Marea presentou este mércores na Coruña o seu programa en materia de educación coa que busca un ensino "igualitario" baseado na "equidade" e que contrarreste a "tormenta perfecta" que, en opinión da formación galega, supuxeron as políticas educativas desde Madrid e desde a Xunta durante os últimos anos en Galicia. Así o expresaron o candidato á presidencia da Xunta, Luís Villares, a número 2 pola Coruña, Luca Chao, e a número 8, Mariló Candedo, que é a coordinadora no ámbito educativo dentro do programa da confluencia. 

En Marea defende un sistema educativo "fundamentado na equidade e igualdade" fronte á "tormenta perfecta" dos gobernos do PP

“Fronte os valores da coalición Feijóo-Baltar, En Marea defende a honradez, a decencia e un sistema educativo público como vía de transformar o país e convertelo nun país xusto”, expresou Villares, que insistiu nun ensino "fundamentado na equidade e igualdade" e que presentou xunto a Candedo as principais medidas no ámbito que propón a formación.

Foi ela quen, xunto a Villares, aclarou que estas están baseadas na recolleita das achegas das plataformas do ensino, comunidade educativa e diferentes colectivos que acordaron coas forzas do espazo da Marea no Parlamento. Candedo, ao igual que o aspirante á presidencia, adiantou que a primeira das medidas será "paralizar a Lomce ou facer a interpretación menos lesiva posible" e lograr así a "restitución dun ensino digno". Ademais, ambos coincidiron en anunciar a "recuperación da gratuidade dos libros de texto", a idea de "garantir os comedores escolares no rural" ou modificar o decreto de comedores nos centros urbanos para que "permitan a socialización dos menores e a conciliación de nais e pais". 

A formación advirte que a primeira medida educativa será "paralizar a Lomce" e lograr a "restitución dun ensino digno"

Ao tempo, Villares apostou por "fiscalizar" os concertos cos centros privados e "anular aqueles que están a recibir os centros que segregan por sexo" e "ofrecer unha nova oferta educativa en FP que non estea privatizada e coherente ao noso mercado laboral". En Marea promete rematar co peche de escolas no rural e loitar contra a precariedade laboral do profesorado "imposta polo PP estes anos" e unha política "proactiva" a prol do galega, ademais de rematar co polémico decreto do plurilingüismo. Ao tempo, Luca Chao, docente e investigadora na Univesidade, adiantou unha medida coa que a formación prevé "incrementar un mínimo anual dun 5% o investimento para as universidades" durante o período 2016-20, o que suporían un incremento mínimo do 20% en catro anos. "Isto, fronte aos recortes brutais en I+D+i", engadiu o candidato á presidencia. 

En  Marea prevé "incrementar un mínimo anual dun 5% o investimento para as universidades" durante o período 2016-20

Precisamente, os tres membros da candidatura de En Marea mantiveron tamén unha xuntanza co reitor da UDC, Xulio Abalde, no que puideron constatar os principais problemas que ten a UDC. O primeiro deles un  "brutal recorte do investimento en I+D+i", en segundo lugar a ausencia de taxa de reposición de profesorado acorde coas necesidades propias da UDC, "problema estrutural pola falla de financiamento derivado do plan galego".

Antes, mantiveron un encontro a primeira hora cos representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galicia. Luís Villares amosou o "compromiso firme co ensino público" de En Marea e insistiu na "paralización do calendario da Lomce como primeira medida a executar" por parte do goberno galego da fomación. 

Villares presenta o programa de educación de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.