Espazo Ecosocialista reivindica o "autogoberno do ben común" e o "dereito a decidir todo"

Xornadas de Formación de Espazo Ecosocialista Galego Dominio Público Espazo Ecosocialista

Espazo Ecosocialista realizará este 25 de xullo no Pazo de Meimixe (Sigueiro) un acto político e de confraternización, centrado na "defensa do autogoberno do ben común" e no "dereito a decidir todo". O acto comezará ás 14.30 horas. Ademais, a formación participará no acto organizado por AGE este mércores 24, no que representantes de Alternativa farán lectura do seu manifesto polo Día da Matria Galega diante da que foi a sede da editorial e imprenta Nós, na rúa do Vilar de Santiago de Compostela.

Piden igualmente a dimisión de Feijoo, que "ten perdido o crédito electoral que acadou hai uns meses coas súas políticas contra a maioría social"

Os ecosocialistas tamén difunden un manifesto que destaca que "a crise económica serve de gran coartada do programa recentralizador do Partido Popular. A hexemonía conservadora nas nosas institucións disolve Galicia como nación e espazo de decisión cidadá" e engade que "o papel dos poderes públicos, como valedores democráticos do benestar, garantía de solidariedade comunitaria e da igualdade de oportunidades e de trato dos galegos e galegas, están gravemente ameazados polas contrarreformas ultraliberais do Goberno de Mariano Rajoy e polo abandono de responsabilidades que practica Núñez Feijóo na Xunta de Galicia".

O texto tamén denuncia que "Núñez Feijóo está a baleirar o noso autogoberno de toda substancia democrática e que, abeirado na súa maioría institucional, lonxe de crear condicións para a recuperación económica empeora as condicións de vida da mayoría dos galegos e galegas ao chapodar e depreciar os nosos servizos públicos". Piden igualmente a dimisión de Feijoo, que "ten perdido o crédito electoral que acadou hai uns meses coas súas políticas contra a maioría social e polas sospeitas que o cernen ao calor dos novos datos de financiamento irregular das campañas electorais dos populares. O PP de Galicia ten gobernado nos últimos anos grazas a cometer fraudes electorais evidentes e faise necesaria a dimisión do goberno Feijóo".

"A cidadanía temos dereito a decidilo todo: as relacións co Estado, a política fiscal, a política monetaria, o modelo enerxético, o dereito á saúde, a calidade do ensino, o dereito á vivenda, os dereitos sociais, a soberanía alimentar..."

O manifesto reclama "un proceso constituínte no Estado e en Europa que se fundamente nun impulso democrático e social" e o "Dereito a Decidir", como "ferramenta clave na defensa do Ben Común" pois "a cidadanía temos dereito a decidilo todo: as relacións co Estado, a política fiscal, a política monetaria, o modelo enerxético, o dereito á saúde, a calidade do ensino, o dereito á vivenda, os dereitos sociais, a soberanía alimentar...". E conclúe que "diso se trata o soberanismo cívico, do dereito a decidilo todo".

O texto remata cun chamamento a fortalecer AGE e aposta por "participar en alianzas máis amplas e plurais a nivel europeo e de estado" pois "faise urxente crear as alianzas necesarias para vertebrar unha alternativa política e electoral ás actuais elites dominantes que actúan como intermediarias de poderes económicos oligopólicos".

 

Xornadas de Formación de Espazo Ecosocialista Galego Dominio Público Espazo Ecosocialista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.