Esquerda Unida alerta de que "se non nos organizamos, a dereita gañará a batalla"

Rolda de prensa de Yolanda Díaz e Carlos Portomeñe CC-BY-SA Praza Pública

Esquerda Unida celebrará o 27 de abril a súa Asemblea Nacional. Este martes Yolanda Díaz, coordinadora nacional da formación, e Carlos Portomeñe, membro da dirección nacional, presentaron os obxectivos do proceso, centrado en "organizar a rebeldía" e alertaron de que se os colectivos sociais agredidos e ás organizacións de esquerda "non nos organizamos, a dereita gañará a batalla".

Da asemblea debe saír “unha Esquerda Unida útil para a maioría social, convencida da suma e da converxencia, para axudar a construír ese bloque social que lle dispute a hexemonía ao liberalismo no noso país”

Reiteraron que esta asemblea é "unha das máis importantes" historia da formación, pola situación de "emerxencia social" e "crise sistémica e do réxime saído da Transición". Esta “asemblea histórica para un momento histórico” debe ser, en palabras de Carlos Portomeñe, non debe estar "só centrada en Esquerda Unida” e dela debe saír “unha Esquerda Unida útil para a maioría social, convencida da suma e da converxencia, para axudar a construír ese bloque social que lle dispute a hexemonía ao liberalismo no noso país”. “Queremos transformar a rebeldía en alternativa e a alternativa en poder”, concluíu.

Esquerda Unida pon o énfase na destrución do Estado de Benestar levada a cabo "pola Troika e os Gobernos do Partido Popular": "o que a eles lles sobra para nós é insuficiente: queremos ampliar os dereitos sociais na Constitución e no Estatuto", din. Puxeron como exemplo as últimas reformas do sistema de pensións ou da administración local, "privatizando os servizos públicos a nivel local". Tamén os ataques que reciben o ensino público ou a sanidade ou mesmo os recentes proxectos para privatizar os cárceres. Neste senso, Yolanda Díaz chamou a atención sobre o feito de que "as empresas que se lucraron coa construción e despois fixérono coa enerxia, agora se queren enriquecer facendo dos servizos sociais e do benestar un negocio".

"Están arrasando con todo, Galicia está en venda. Debemos sumarnos e organizarnos, ou doutro xeito esta batalla vana gañar eles. Xa están gañando por goleada"

Díaz afirmou que "están arrasando con todo, Galicia está en venda. Debemos sumarnos e organizarnos, ou doutro xeito esta batalla vana gañar eles. Xa están gañando por goleada". Chamou a atención sobre a necesidade de "repolitizar o conflicto social que agora está latente" e, citando a Zizek, chamou a "uniformizar os conflitos sociais que na actualidade se expresan de forma individual. A estratexia do neoliberalismo é dividir os conflitos". "Todas as conquistas novas e vellas conseguironse nas rúas", dixo a vicevoceira parlamentaria de AGE, "a xente lúcida e activa deste país debe organizarse".

“A nova dirección de Esquerda Unida estará moi renovada e debe ser forte e estar a pé de rúa”

A conexión con ese descontento social e a súa organización será o principal obxectivo da Asemblea Nacional de EU. “Debemos dirixir o noso discurso a lugares onde até o que agora Esquerda Unida non foi capaz de entrar”, afirmou Yolanda Díaz, conectando con todos os sectores sociais. A coordinadora nacional da formación salientou tres aspectos que deben marcar esa Asemblea: “A nova dirección de Esquerda Unida estará moi renovada e debe ser politicamente forte e estar a pé de rúa”, "a tese politica que sexa debatida con todos os sectores sociais do pais" e "as áreas de traballo abertas a persoas de fóra da organización, que deben ser un pulmón propositivo que permita a conexión con todo o que está pasando nas rúas". 

Rolda de prensa de Yolanda Díaz e Carlos Portomeñe CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.