ETA quere entregar o seu arsenal de armas pero o Goberno non llo facilita

Parlamento vasco © Praza Pública

ETA quere entregar as armas pero non sabe como nin a quen. Segundo fontes coñecedoras do proceso, a contorna da banda non pode avanzar cara ao desarmamento porque o Goberno negou calquera interlocución. O mundo abertzale atópase na disxuntiva de atender as demandas de entrega de armas sen ter ningunha porta á que chamar para efectuar a cesión do seu arsenal. "Os próximos meses son clave", sinalan as mesmas fontes, que esperan da contorna da banda movementos en varias direccións.

En fontes próximas á presidencia do Goberno de Euskadi interprétase que as posibles aspiracións de Patxi López á secretaría xeral do PSOE frearon a súa colaboración para a procura dunha solución de convivencia que contemple a participación de todas as partes

O escenario de pacificación preséntase complicado. O lehendakari Iñigo Urkullu impulsou a creación da Secretaría Xeral para a Paz e Convivencia. Desde este departamento, que depende directamente da presidencia do Goberno vasco, impulsouse o relatorio sobre paz e convivencia que pretende impulsar a normalización da vida en Euskadi tras cinco décadas de conflito terrorista. As expectativas de éxito deste foro parecen minúsculas, sobre todo despois de que os socialistas decidisen baixar do barco e anunciar que non estarán na reunión inicialmente prevista para este venres na cámara de Vitoria.

En fontes próximas á presidencia do Goberno de Euskadi interprétase que as posibles aspiracións de Patxi López á secretaría xeral do PSOE frearon a súa colaboración para a procura dunha solución de convivencia que contemple a participación de todas as partes. Os socialistas vascos argumentan que as aspiracións de Bildu durante a negociación os apartaron do proceso. A resolución definitiva do conflito non parece unha prioridade para os intereses de PP e PSOE nestes momentos.

As enquisas do CIS sitúan ao terrorismo como un problema menor nas preocupacións dos cidadáns. O Partido Popular, mentres tanto, colocouse de perfil ante as propostas do Goberno vasco, xa que a súa marxe de actuación é inexistente pola presión interna de sectores próximos a María San Gil e Carlos Iturgaiz, ademais da postura férrea da dirección nacional que prefire non transitar a última etapa de resolución do conflito.

Segundo fontes próximas ao proceso de paz, "con 20 ou 30 achegamentos de presos abondaría" para que os prazos se acelerasen, evitando a vía cega na que se atopa o proceso

O tratamento das vítimas é outro dos puntos de desencontro entre os negociadores. O PNV aposta por non mesturar vítimas, e por non esquecer vítimas. Resulta complexo obter consenso ao redor dun recoñecemento do dano causado por parte de ETA á vez que se asume que se produciron vulneracións dos dereitos humanos no outro bando.

Na contorna da banda asumiuse que o acceso a unha amnistía a cambio do desarmamento é un obxectivo imposible que xa nin se persegue. Segundo fontes próximas ao proceso de paz, "con 20 ou 30 achegamentos de presos abondaría" para que os prazos se acelerasen, evitando a vía cega na que se atopa o proceso.

O primeiro paso de cara ao desarmamento pasa pola publicación, por parte de ETA, dun inventario do seu arsenal así como a localización das súas zulos

ETA non ten marxe de manobra pero asume, segundo as fontes consultadas, que "ou se moven eles ou ninguén o fará". O primeiro paso de cara ao desarmamento pasa pola publicación, por parte de ETA, dun inventario do seu arsenal así como a localización das súas zulos. Os que traballan de preto con todas as partes implicadas dan por seguro que a banda moverá esa ficha antes de nadal. Con todo, os que observaron ao longo dos anos os movementos de ETA comprobaron que todo ocorre, nese mundo, moito despois do momento para o que eses movementos foron anunciados. Dito doutro xeito: ETA sempre chega tarde cada vez que pon en marcha pasos anunciados no camiño da paz.

O mundo abertzale xa estableceu xa contacto con gobernos estranxeiros para solicitar a súa colaboración na operación de entrega de armas. A resposta dos gobernos foi positiva

O mundo abertzale xa estableceu xa contacto con gobernos estranxeiros para solicitar a súa colaboración na operación de entrega de armas. A resposta dos gobernos foi positiva, segundo fontes do Goberno vasco, pero condicionada a que o Executivo de Rajoy lle dea luz verde á operación. Parece difícil que o Ministerio dirixido por Jorge Fernández Díaz constrúa as bases para que o desarmamento se produza ou ofreza o beneplácito para que outro Goberno auspicie a recepción do arsenal da banda. Todo se atopa nun complicado punto morto.

Como complicación engadida apúntase a negativa do Goberno central de asumir a intermediación dalgunha institución internacional para labores de verificación. Con eses vimbios, resulta case imposible a complicada mudanza de pistolas, explosivos e material diverso que ETA utilizou para o terror e que agora quere enterrar no pasado.

O Executivo vasco interpreta que ETA asumiu que se atopa nun "agora ou nunca". A partir de primavera, coa celebración das eleccións europeas, iníciase un tempo político marcado por importantes citas electorais (autonómicas e municipais primeiro, e despois xerais). Con urnas á vista ninguén quere arriscarse na solución a un problema que xa non é percibido como tal polos cidadáns.

Con urnas á vista ninguén quere arriscarse na solución a un problema que xa non é percibido como tal polos cidadáns

Para os próximos meses espéranse tamén movementos desde o colectivo de presos da banda. Non se descarta que esta contorna asuma o recoñecemento da inxustiza da violencia de ETA, que atesoura na súa historia preto de 850 asasinatos. A ese paso seguiría o de iniciar a vía para que os presos empecen a tentar reclamar individualmente os beneficios penais aos que a banda renunciou até a data. Os presos de ETA deixarían, deste xeito, de actuar en grupo á hora de relacionarse con Institucións Penais. Todo un avance, sinalan quen observaron o conflito de preto ao longo das últimas décadas.

Parlamento vasco © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.