A deputada Eva Solla converteuse este sábado na nova coordinadora nacional de Esquerda Unida, que este sábado celebrou en Compostela a súa XII Asemblea Nacional, co lema “A Forza das Ideas”, na que participaron 250 delegados/as e 50 convidadas/os procedentes de movementos e organizacións sociais. Tamén participaron Alberto Garzón, coordinador Federal de Izquierda Unida e deputado de Unidos Podemos no Congreso; Javier Couso, eurodiputado de Izquierda Unida no Parlamento Europeo ou Manuel Lago, deputado de En Marea no Parlamento de Galicia.
Eva Solla: "Nos próximos anos queda moitísimo traballo por facer e temos un plantexamento que pasa por recuperar ese traballo de rúa, o traballo nos movementos sociais e co resto de colectivos agredidos"
A asemblea estivo presidida por unha mesa composta só por mulleres, e nela unha muller substituíu outra muller á fronte da formación esquerdista. “Asumo con alegría e con moita responsabilidade este novo traballo dende a dirección de Esquerda Unida, na que me acompañarán moitas compañeiras e compañeiros valiosos da organización", dixo Eva Solla, que subliñou que "nos próximos anos queda moitísimo traballo por facer e temos unha idea ou plantexamento inicial que pasa por recuperar ese traballo de rúa, o traballo nos movementos sociais e co resto de colectivos agredidos. E un traballo de acompañamento das concelleiras e concelleiros que temos por toda Galicia, por esa base que é o municipalismo".
Na súa intervención, Yolanda Díaz destacou que “hoxe é un día de satisfacción, de tranquilidade e de alegría. Esquerda Unida camiña soa, ten enormes retos para construír, non soamente un movemento popular, senón tamén para traballar por unha maioría social”. Díaz destacou que “estamos facendo o que temos que facer e fomos casi adiantadas cando arrancamos no Teatro Principal, en 2010, con esa chamada á unidade popular. Foi arriscado, pero sen estes pasos hoxe non sería posible camiñar neste tempo político e facendo historia”.
Pola súa banda, Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, afirmou que “esta asemblea non é unha máis, é unha asemblea dunha organización moi madura en Galicia despois de anos de travesía no deserto, dunha organización con moita presenza política e institucional; e con futuro”.
Finalmente, Alberto Garzón, destacou que “Esquerda Unida soubo superar enormes dificultades e foi capaz de construír con humildade espazos de confluencia e unidade que permitiron iluminar o cambio en moitas cidades, de momento e, esperemos que pronto, no resto do Estado”. “Para lograr esta transformación social do noso país, precisamos contar con moita máis xente, partidos e organizacións aliadas, aínda sabendo que sen Izquierda Unida ese cambio non vai ser posible, polo que reivindicamos a fortaleza da nosa organización e a adaptación a uns tempos onde é preciso unha esquerda organizada, con valor propositivo e en defensa da unidade popular”, engadiu. Garzón salientou que "un destes exemplos de unidade" é Esquerda Unida, “que nos iluminou o camiño no resto do Estado, un camiño que non é sinxelo, pero demostra que, cando estamos convencidas/os do que facemos, con perseverancia, acaba saíndo ben", concluíu.