O Concello de Vigo decreta loito oficial por unha histórica socialista que tiña cancro desde hai catro anos
Nacida en Taboada en 1951 pero viguesa de adopción, vén de falecer Isaura Abelairas, deputada no Parlamento de Galicia polo PSdeG, formación pola que foi concelleira en Vigo durante preto de dúas décadas. Abelairas tiña cancro, segundo contou ela mesma hai catro anos.
Mestra de profesión, chegou a Vigo para dar clases e tras pasar por varios centros rematou sendo directora durante anos do CEIP Emilia Pardo Bazán. Histórica do socialismo local, en 1999 formou parte do primeiro goberno bipartito de BNG-PSdeG liderado polo nacionalista Lois Pérez Castrillo. Como concelleira de Limpeza e Festas permaneceu ata 2003, período no que tamén foi deputada provincial.
Volvería ás corporacións municipal e provincial en 2007, xa con Abel Caballero como alcalde, primeiro, e despois coa tamén viguesa Carmela Silva á fronte da Deputación. Cultura, Política Social ou Igualdade na última etapa serían algunhas das diversas áreas de responsabilidade que ocupou unha muller considerada unha todo-terreo no socialismo vigués.
Abelairas deixou a vida política local e pasou á galega nas eleccións de xullo do pasado ano, nas que ocupou o segundo posto na lista por Pontevedra, xusto por detrás do candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pero como persoa de confianza do rexedor vigués. Este, Abel Caballero, vén de decretar loito oficial na cidade, ao tempo que os partidos políticos están a amosar o seu pesar polo falecemento. O mesmo loito oficial foi declarado igualmente polo Parlamento de Galicia, no que as bandeiras foron colocadas a media asta.
"Gran amiga e compañeira, sempre socialista e feminista", definiuna Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, definiuna como “gran amiga e compañeira, a miña querida Isaura, sempre socialista e feminista, optimista e loitadora ata o último momento. Defensora das causas xustas, da igualdade, da educación pública, así o fixo no concello de Vigo e no Parlamento galego”. “Unha muller dialogante e intelixente”, é a lembranza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mentres que o grupo parlamentario do PP gabou o seu exemplo de "sacrificio persoal e entrega ao servizo público" malia á enfermidade que padecía.