O socialista Miguel Cortizo, quen foi portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia nos anos 90 e delegado do Goberno en 2011, vén de falecer aos 67 anos de idade, segundo confirman os socialistas galegos. O último posto que ocupou foi o de deputado no Congreso na lexislatura 2011-2015, despois do cal retirouse da primeira liña política.
Cortizo, profesor e doutor en Bioloxía na USC, foi asesor dos ministros socialistas de Educación José María Maravall e Javier Solana. Deputado no Parlamento de Galicia durante 15 anos, ocupou o posto de portavoz dos socialistas entre 1993 e 1997 e chegou a ser vicesecretario xeral do PSdeG con Francisco Vázquez á súa fronte. En 1998, co apoio de Abel Caballero e Pachi Vázquez, disputou sen éxito a dirección do partido fronte a Emilio Pérez Touriño.
Tras uns anos afastado da primeira liña política coincidindo co dominio do PP a nivel estatal, en 2004 o Goberno de Zapatero nomeouno embaixador especial para a Coordinación das Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica, un posto no que os populares o acusaron de actuar como comisario político e conseguidor de votos para os socialistas, especialmente na campaña das autonómicas de 2005 nas que Fraga foi apartado da Xunta.
O socialista, falecido aos 67 anos de idade, retirárase da primeira liña política en 2015 tras catro anos como deputado no Congreso
En 2007 foi nomeado embaixador no Paraguay, onde permanecería ata que en 2011 pasou a ocupar a Delegación do Goberno central en Galicia durante algo menos dun ano. Tras as eleccións xerais de finais dese ano que gañou o PP, Cortizo foi deputado no Congreso durante toda esa lexislatura antes de retirarse definitivamente da primeira liña política.
Este martes o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou a tristura dos socialistas galegos polo falecemento dun “socialista de referencia” e enviou unha “aperta sentida para a familia”. Tamén desde o resto de formacións chegaron mensaxes de pésame polo pasamento, como a do presidente Feijóo, que lembrou "a súa longa traxectoria de servizo público desde todas as responsabilidades que asumiu".
Día triste para as e os socialistas galeg@s polo falecemento hoxe do compañeiro Miguel Cortizo. Socialista de referencia, foi deputado, delegado do goberno...Hoxe o @PSdeG está de loito. Aperta sentida para a familia.
— Gonzalo Caballero (@G_Caballero_M) 3 de xullo de 2018