Non faltaba ninguén. Cámaras, micrófonos, flashes, a práctica totalidade dos medios de comunicación de ámbito galego e estatal tiñan este xoves a ollada posta en Santiago, pero non pola chuvia ou por asuntos xacobeos. Tres días despois da controvertida rolda de prensa na que o alcalde de Compostela recoñecía ter destinado a pagar débedas da súa promotora inmobiliaria 291.000 euros do IVE da venda de máis de medio cento de pisos, a Gerardo Conde Roa tocáballe responder ás preguntas do xuíz Vázquez Taín. "Non me chamen imputado, só son un querelado", pedíralles o rexedor aos xornalistas na súa comparecencia do luns. Pero a realidade contradiciu as palabras do popular, algo que tamén fixo o seu propio avogado. O alcalde está imputado por unha presunta fraude fiscal se ben el insiste en que non cometeu delito ningún. Mentres todo isto acontecía nos composteláns xulgados de Fontiñas unhas rúas máis ao norte, en San Caetano, o presidente da Xunta abríalle un chisco máis a Conde Roa a porta de saída da alcaldía, aínda que sen empurralo cara a ela, cando menos polo momento.
Conde Roa está "tranquilo", a súa declaración foi "meridiantamente clara" e "completa" e nela esforzouse en amosar que "non houbo ningunha intención de defraudar á Facenda pública". Iso "quedou claro no interrogatorio", "en ningún momento houbo engano, senón colaboración", di. Neste contexto, tras pasar o "trago" da declaración só lle resta "agardar a resolución xudicial". O letrado que o asiste, Ramón Sabín, reforza a versión do seu defendido: "Non hai delito de ninguń tipo", polo que "en breve" debera ditarse "auto de arquivo".
Imputado pola presunta fraude, Conde Roa di estar "tranquilo" e o presidente asegura que o PP será "coherente" no seu caso
Na ateigada sede do PP de Santiago, na que Conde Roa convocou aos medios tras abandonar as dependencias xudiciais -ante os xulgados axentes da Policía Nacional formaron un cordón que impediu o traballo dos informadores-, o alcalde de Santiago extendía a súa tranquilidade á vertente política do caso. En resposta ás preguntas da Cadena SER sobre as "consecuencias políticas" tanto da imputación como da suposta fraude aseguraba non sentirse "presionado" pola dirección do PPdeG. En todo caso, descarta "adiantarse ao futuro", algo semellante ao que facía Feijóo minutos antes dende a sede da Xunta.
Segundo o xefe do Goberno galego e dos conservadores o seu partido actuará "con claridade" no momento en que o maxistrado tome unha decisión "Conde Roa está declarando, o xuíz decidirá o que considere oportuno e, en función do que diga, actuaremos en consecuencia". Feijóo remítese ás verbas do rexedor, quen xa manifestou "que non tiña medios" para pagarlle a Facenda "porque as súas empresas se arruinaron e estaba en proceso de pagamento cando se lle notificou a denuncia por impagamento". De calquera xeito, afirma, o PPdeG será "coherente", coa Xustiza e tamén "cos estatutos" do propio partido", di.
E, que din eses estatutos? Segundo o aprobado no último congreso dos conservadores, a calquera afiliado que estea imputado por "calquera forma de corrupción no exercicio dun cargo público ou realice condutas que estean tipificadas como un delito doloso" abriráselle un expediente disciplinario e poderánselle suspender "funcións e militancia" en función "das circunstancias específicas de calquera caso concreto". Este documento interno non especifica se o partido forzará o abandono dos cargos públicos, se ben a presión sobre Conde Roa se está a incrementar dende o inicio deste episodio, que continúa este xoves coa análise da documentación fiscal da empresa do alcalde, Geslander, e, se o proceso continúa, coa redacción dun auto no que se detallen os presuntos delitos que pesan sobre el.
Peticións de dimisión do PSdeG, do BNG e na rúa
A suposta tranquilidade do alcalde non semella corresponderse coa que reina dentro do seu partido e moito menos coa de PSdeG e BNG, que un día máis esixiron a dimisión inmedia. Pola banda socialista o deputado Xoaquín Fernández Leiceaga considera que Feijóo non se pode limitar a "mirar para outro lado no caso Conde Roa", menos aínda tendo en conta que, como promotor inmobiliario, o alcalde compostelán construíu vivendas de protección oficial no período en que o presidente era conselleiro de Política Territorial do Goberno de Manuel Fraga. "Feijóo -di- foi o máximo responsable da adxudicación" de vivendas a Geslander en Compostela e, polo tanto, debe intervir, tendo en conta ademais que "o 50%" do IVE "defraudado" repecute directamente nas arcas autonómicas.
Leiceaga e Guillerme Vázquez coinciden en sinalar que Conde Roa "non pode continuar" no seu cargo
E se Leiceaga considera que Conde Roa non debe seguir "un minuto" na alcaldía, o mesmo opina o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ante "un caso paradigmático de como un servidor público que defrauda a Facenda non debera estar nin un día máis por dignidade e por ética á fronte dunha Alcaldía". O líder nacionalista subliña que é o propio alcalde "quen recoñece a fraude", "xa non se está a falar de presuncións de cousas", polo que resulta "moi, moi rechamante que o PP e o señor Núñez Feijóo, que ten mando en praza" no partido", "permaneza absolutamente calado". Este, di, é "o mesmo PP que sempre dá leccións de ética a todo o mundo", pero "non a aplica cando se trata dos seus propios membros".
As peticións de dimisión estiveron tamén presentes na porta dos propios xulgados nos que declarou o alcalde. Nunha concentración convocada pola Candidatura do Povo -plataforma que concorreu ás pasadas eleccións municipais na capital galega- varias persoas increparon a Conde Roa con berros de "ladrón" e reclamáronlle a súa marcha inmediata do Concello.