Pagar dúas veces pola sanidade? Con diferentes formulacións o presidente da Xunta tivo que responder a esta pregunta en varias ocasións ao longo deste mércores. Primeiro, nunha entrevista na Cadena SER e despois, na sala de prensa do Palacio de La Moncloa, Alberto Núñez Feijóo optou pola mesma fórmula: asegurar non ser partidario de cobrarlles ás persoas que acodan a un centro sanitario público a seren tratadas pero non censurar a nova que se producira horas antes en Catalunya, a aprobación da taxa de un euro por receita, impulsada polo Goberno de Convergència i Unió e apoiada polo PP. "Se un presidente autonómico decide instaurar unha taxa farmacéutica, non o vou criminalizar", di o presidente, que non critica a medida do gabinete de Artur Mas "por responsabilidade" e porque "creo no Sistema Nacional de Saúde".
Feijóo fía futuras decisións ao que decida o Consello Interterritorial de Saúde e asegura que Mas non é "malvado" por impoñer o copagamento
Aínda que as preguntas da prensa madrileña o fixeron practicar máis dun equilibrio dialéctico, Feijóo deu en defender que non lle parece "razoable" que ese copagamento se poida aplicar a "consultas", "urxencias" ou "intervencións cirúrxicas" e, a continuación, en lembrar as "dificultades" do sistema sanitario no conxunto do Estado, coa súa débeda de "15.000 millóns de euros" que "non se paga simplemente por facer unha boa frase". Segundo Feijóo, a súa "opinión" neste asunto é ben "coñecida", "no sentido de que hai bolsas de ineficiencia" na sanidade pública". O "prioritario", mantén, é levar adiante unha "política farmacéutica razoable" para "non cobrarlle a ninguén por ir ao médico". "Se en España somos quen de preservar a asistencia sanitaria sen copagamentos, será un excelente traballo e esa é a miña proposta".
Así e todo, o presidente galego non dá nada por definitivamente pechado, especialmente no que se refire á achega da Administración pública aos medicamentos. Neste sentido, fía futuras decisións ao "debate" que, na súa opinión, debe producirse "no marco do Consello Interterritorial de Saúde". Horas antes, na súa intervención radiofónica -na que empregou como topónimo a expresión Costa de la Muerte- apostaba tamén por non pechar a porta a este tipo de decisións. Preguntado pola nova taxa catalá, Feijóo explicou que á sanidade "non a pode levar por diante a crise" e que "non proceden demagoxias" nunha "situación crítica". Así, o titular da Xunta defende levar adiante "todo o que teñamos que facer para garantir a viabilidade" do sistema. Quen, como Mas, impón "unha taxa" por cada receita "non é porque sexa un malvado contra a sanidade", senón porque a súa situación lle "impide" facer outra cousa que non sexa "pedirlles un esforzo aos cidadáns".
Á marxe da explicación de Feijóo, dende o Goberno central a referencia ao asunto é mínima e, nunha breve nota, só sinalan que Feijóo e Rajoy "falaron sobre a débeda das comunidades autonómas e sobre o financiamento autonómico e dos servizos públicos".