Feijoo dille a Baltar que o necesitará para gañar as eleccións

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

José Manuel Baltar era o gran protagonista da súa homenaxe, como non podía ser doutro xeito. 3.400 comensais no xantar convocado en Expourense, intervencións de amigos, familiares e a meirande parte das forzas vivas da provincia e parte do resto de Galicia, todo nunha gala conducida por Xosé Manuel Baltar.

Pero dende logo había expectación polo encontro entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e o barón ourensán, sobre todo despois do enfrontamento latente, nunca desaparecido de todo e parece que en aumento nos últimos meses, polo control do partido en Ourense. Alcaldes dun e doutro bando, medios de comunicación dun e doutro bando e unha sucesión familiar á fronte do ente provincial.

Había expectación polo encontro entre o presidente da Xunta e o barón ourensán, sobre todo despois do enfrontamento latente, nunca desaparecido de todo e parece que en aumento nos últimos meses, polo control do partido en Ourense

Núñez Feijoo non chegou só a Ourense, senón que estivo ben acompañado por tres conselleiros: Agustín Hernández, Rosa Quintana e Jesús Vázquez. O presidente da Xunta eloxiou as "virtudes políticas" de Baltar e salientou que foi clave para que o PP gañara as eleccións de 2009 e que o "volverá necesitar" para gañar os vindeiros comicios. Feijoo aproveitou para facer publicidade da primeira grande exposición inaugurada na Cidade da Cultura, a moi custosa Gallaecia Petrae e sinalou que nunha futura exposición sobre a historia de Galicia "Baltar estará como pedra fundamental na construción do galeguismo e o ourensanismo".

Baltar respondeu a esta e a outras moitas intervencións gabanciosas nun discurso emocionado, no que afirmou que mentres lle resten "unha gota de sangue e un gramo de alento", manterá "as mesmas ideas a calquera hora e en calquera día do ano". E rematou cun sonoro "Podedes contar comigo".

 

Protestas

Concentrouse un grupo de manifestantes nun acto contra o nepotismo e o caciquismo, que culpou á xestión de Baltar da situación da provincia, con faixas nas que se podía ler "menos enchufar e máis traballar"

Fóra de Expourense concentrouse un grupo de manifestantes convocados pola Asemblea Aberta de Ourense, nun acto contra o nepotismo e o caciquismo, que culpou á xestión de Baltar da situación da provincia, con faixas nas que se podía ler "menos enchufar e máis traballar" ou "stop nepotismo". Os concentrados, moi vixiados pola policía en todo momento, criticaron que a homenaxe usase "o nome da nosa provincia", o que afirmaron é "unha ofensa para todos os emigrantes, parados, traballadores precarios e xentes de ben, cidadáns en xeral vítimas do nepotismo de quen administrou os cartos públicos durante os seus máis de vinte anos de mandato". 

Tamén se concentrou un pequeno grupo de afectados polas preferentes, co obxectivo de conciencias ás autoridades asistentes da súa situación de inxustiza e estafa que sofren.

 

Discursos, actuacións e mensaxes de apoio

Polo atril situado na cabeceira das moitas mesas nas que se serviu o xantar pasaron ducias de persoas, que sucesivamente foron exaltando a figura e a traxectoria de Baltar

Ademais dos persoeiros xa citados, á homenaxe asistiron os ex conselleiros Xesús Pérez Varela ou Juan Manuel Diz Guedes, así como altos cargos do PPdeG de Ouresen e do resto de Galicia. Así mesmo, polo atril situado na cabeceira das moitas mesas nas que se serviu o xantar pasaron ducias de persoas, que sucesivamente foron exaltando a figura e a traxectoria de Baltar. A súa ex alumna Begoña Rodríguez Sánchez salientou a súa época de mestre rural, por exemplo, e tamén falaron o presidente do grupo Academia Postal, o presidente da Confederación de Empresarios, o escritor Luis González Tosar, o presidente da fundación San Rosendo e, por suposto, o seu fillo e sucesor, José Manuel Baltar Blanco.

Tamén houbo mensaxes e recoñecemento que chegaron por escrito, coma as de Mariano Rajoy, Antón Lamazares, o bispo de Ourense ou mesmo a de Xosé Luís Méndez Ferrín, quen lle agradeceu a súa aposta pola casa dos poetas de Celanova.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.