Feijóo equipara a política económica de Rajoy coa construción da Catedral de Santiago

Feijóo e Rajoy, co resto da comitiva na Praza do Obradoiro © Conchi Paz

Este xoves, como adoito, o Goberno galego celebraba a reunión semanal do Consello da Xunta co presidente á fronte. No entanto, non foi Alberto Núñez Feijóo quen informou a prensa dos asuntos tratados na xuntanza. Foi o vicepresidente, Alfonso Rueda, o enviado ante os xornalistas mentres Feijóo se dirixía á outra sede da Presidencia, no Pazo de Raxoi, para recibir a quen noutrora ocupou o posto que agora exerce Rueda, Mariano Rajoy. O número dous do Executivo tivo que facerlles fronte ás diversas, incómodas e aínda por contestar preguntas sobre a trama Zeta mentres Feijóo compartía con Rajoy unha escena politicamente ben máis confortable. Nunha comparecencia sen posibilidade de preguntas que a prensa tivo que seguir dende o chan -as cadeiras reserváronse para cargos gobernamentais e eclesiásticos- os dirixentes intercambiaron xenerosos eloxios que, no caso de Feijóo, o levaron a equiparar a política económica do seu xefe de filas coa construción da Catedral de Santiago.

A Catedral e, nomeadamente, a "intención" do Executivo estatal de achegar 17 millóns de euros para a súa rehabilitación, segundo cifras da Xunta, foi o motivo da xuntanza deste xoves. A basílica compostelá "puido ser simplemente un soño" pero "non foi así", glosa Feijóo, porque antes da súa construción "xurdiu un incipiente galeguismo que non se conformaba con imaxinar un país", un "galeguismo de feitos" no que enmarca ao propio Rajoy, "un galego e un compostelán" que "predica con decisións" que "configuran a historia", caso por exemplo da finalización da autovía transcantábrica ou a construción do AVE, di.

Feijóo asegura que "nacer preto da Catedral" deixou un "selo" no "carácter" de Rajoy para, por exemplo, "evitar o rescate de España"

Como en datas recentes, caso por exemplo das súas valoracións sobre Podemos, Feijóo aproveitou para lembrar que "eu son dunha aldea na que hai moitas pontes", neste caso para explicar que "esa circunstancia me marcou". No caso de Rajoy "nacer preto da Catedral" tamén "deixou un selo" no seu "carácter". O templo compostelán é "unha vitoria sobre o tempo", un "triunfo da vontade humana" que "demostra que a tenacidade pode ser invencible". "Evitar o rescate de España podía parecer algo imposible", "pero certos analistas e certos políticos descoñecían a enerxía que pode atesourar un galego, sobre todo se aprendeu" da Catedral "a lección de que nada é imposible".

Entre as gabanzas polo seu compromiso "persoal e económico" coa restauración catedralicia Rajoy tamén botou man da elástica tradición xacobea para presentala como confirmación da "nosa condición de galegos e españois" e, en xeral, da unidade de España. Ese mesmo discurso unionista levouno o presidente español á outra das súas citas do día no país: a entrega do premio Fernández Latorre a quen o sucedeu en 1987 na vicepresidencia da Xunta, Xosé Luís Barreiro Rivas.

Eloxio ao vicepresidente denunciado

Rajoy enxalza o "papel relevante" de Barreiro, ao que o Goberno do que formaba parte denunciou para frear a moción de censura do tripartito

Xa na sede do xornal coruñés e despois de que os seus servizos de seguridade evitasen, en Compostela, que a prensa se lle achegase, Rajoy optou por un eloxio do xornalismo e tamén de Barreiro Rivas, a quen o Goberno do que formaba parte denunciou en 1987 para tentar, sen éxito, frear a moción de censura que deu lugar ao tripartito de PSdeG, Coalición Galega e PNG. Tres décadas despois de descargar sobre el a ira política de Alianza Popular -naqueles debates chegou a sinalar, tamén, que abandonaría a vida política en pouco tempo- Rajoy explica agora que "Barreiro foi, como todos vostedes saben e eu son o que mellor o sabe, vicepresidente do Goberno encabezado por Fernández Albor" e "tivo un papel moi relevante na conformación das primeiras institucións galegas e na súa posta en marcha". "A vocación de servizo que implica dedicarse ás tarefas públicas, aínda que algúns non o crean, deixa sempre pegada en calquera biografía", di.

Neste contexto, Rajoy peneira os acontecementos daqueles días de finais dos 80 para sinalar que "o noso galardoado pode ver con satisfacción algunhas cousas, entre outras, como a Galicia que el contribuíu a transformar acadou unha voz propia nunha España diversa e integradora" na que "collen todas as nosas aspiracións de liberdade e benestar". Nesta sociedade, di, o diario La Voz de Galicia "é toda unha institución" que "amplía día a día os límites da liberdade" e "permite o exercicio real da cidadanía", un "claro exemplo de responsabilidade social empresarial que quero destacar publicamente", destacou.

Feijóo recibe a Rajoy no Obradoiro © Conchi Paz
Rajoy asina no libro de honra de 'La Voz' ante Barreiro e o editor do xornal coruñés © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.