O seu compromiso persoal con Galicia foi a resposta ofrecida este mércores polo presidente Feijóo ante as reiteradas peticións que lle formularon os tres grupos da oposición no Parlamento de solucións concretas para os problemas pendentes do país agora que xa resolveu as súas dúbidas e decidiu non aspirar de momento a presidir o PP estatal. En Marea, PSdeG e BNG coincidiron en presentar un panorama de parálise na Xunta durante os últimos anos e en reclamar políticas concretas en diversos eidos, cuestións ás que Feijóo respondeu lembrando medidas xa tomadas e lamentando os obstáculos da oposición e dos concellos que non controla o PP e a herdanza recibida en 2009.
En Marea, PSdeG e BNG lémbranlle ao presidente os principais problemas pendentes en Galicia e este responde lamentando os obstáculos da oposición e a herdanza recibida en 2009
A encargada de abrir a sesión de control á Xunta na Cámara autonómica este mércores foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, que se limitou a facer unha rápida mención á decisión de Feijóo de non concorrer finalmente á carreira polo liderado do PP. A continuación, centrou a súa intervención en enumerar unha longa lista de problemas pendentes en Galicia, desde as infraestruturas ata os servizos sociais ou o financiamento, cuestións nas que incidirían máis tarde os outros dous portavoces da oposición. Foi o propio Feijóo o que comezou a incidir na súa non marcha a Madrid cunha frase que parecía preparada: “Prefiro ser presidente da Xunta e renunciar a ser candidato á presidencia do Goberno de España que renunciar á palabra dada aos galegos”.
Máis fincapé fixeron posteriormente sobre a súa decisión feita pública o luns os outros dous portavoces, Xoaquín Fernández Leiceaga do PSdeG e Luís Villares, de En Marea, que interviron máis tarde. O primeiro lembroulle que desta lexislatura “quedan dous anos, tempo xusto para concentrarse” nunha serie longa de problemas económicos e sociais que enumerou. O segundo, moito máis agresivo, preguntoulle de xeito retórico: “Como lle foi por Madrid, breve pero intenso non?”, para a continuación ironizar coas imaxes de Feijóo co contrabandista Marcial Dorado divulgadas por El País dicindo que “onde haxa un bo paseo pola ría de Arousa, que se quite a calor do Manzanares”, pero engadindo que “iso si, botando crema, para evitar melanoma”, lembrando que este mesmo mércores hai unha xornada de divulgación sobre ese tipo de cancro no propio Parlamento galego.
Feijóo minimizou novamente o nivel político dos portavoces de En Marea e PSdeG
“Vostede alégrase de que eu non me fora e eu estou contentísimo de que vostede siga”, foi a resposta de Feijóo a Villares, ao tempo que a Leiceaga volveu facerlle ver a súa inestabilidade como portavoz parlamentario ante a posibilidade de que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre en breve na Cámara.
Ante a sucesión de temas de todo tipo que se foron formulando na sesión, o propio Feijóo fixo ver que o deste mércores parecía o debate anual sobre o estado da autonomía, e emprazou ao resto de grupos a falar máis en profundidade “en outubro”, cando adoita celebrarse esa sesión extraordinaria. Mentres, dixo noutro momento da súa intervención, “non teño máis axenda que Galicia”.