Un dos debates públicos máis recorrentes de, cando menos, a última media década, xirou en torno á capacidade das institucións públicas en xeral e, máis concretamente, das Cámaras parlamentarias e demais órganos electos para representar a cidadanía e as súas inquietudes. Dende o célebre "non nos representan" do 15M sucedéronse as reflexións a respecto da "crise de representación" e tamén os procesos electorais con notables cambios nas composicións dos parlamentos e mais dos concellos. Formacións como Podemos fixeron habitual o uso do termo "nova política", que partidos como o PP pasaron en pouco tempo de deostar a asumir como propia. Neste contexto, no entanto, periodicamente xorden voces que apelan a afastar da política asuntos especialmente transcendentes. A non "politizar" cuestións sensibles como a sanidade, a educación ou, como sucedeu este mércores no Parlamento galego, a loita contra a violencia machista.
Despois dos dous asasinatos de xénero acontecidos en Galicia o derradeiro pleno parlamentario do ano dedicou boa parte dos seus debates á loita contra a violencia machista e ás cuestións relativas á igualdade entre homes e mulleres en ámbitos como o laboral ou o educativo. Un destes debates desenvolveuse na sesión de control ao presidente, na que o voceiro de En Marea, Luís Villares, instou a Alberto Núñez Feijóo a potenciar as "políticas de igualdade efectiva" mediante un "incremento das partidas" nos vindeiros orzamentos para "poder facer cumprir a lexislación vixente" e que os dereitos non existan só "sobre o papel".
Feijóo: "Estamos falando dunha lacra que convén combater, non politizar"
Feijóo comezou reprochándolle a Villares que cometese o "erro" de "comparar os orzamentos cos de anos anteriores" sen ter en conta que na etapa do bipartito o programa orzamentario de accións de igualdade incluía as transferencias ao Consorcio de Benestar para financiar áreas como as escolas infantís -uns 23 millóns de euros en 2009-. Agora, evidenciou, estes traspasos sitúanse noutras partidas da Consellería de Política Social e, daquela, non son comparables entre si. Alén disto, Feijóo cargou contra En Marea por abordar a cuestión no eido político. "Estamos falando de asasinatos de extrema violencia machista con resultado de morte. Estamos falando dunha lacra que convén combater, non politizar", proclamou o presidente ante a Cámara.
Villares: "Sen políticas activas non erradicaremos a violencia machista"
"Denunciemos sen medo calquera tipo de sospeita", acrecentou Feijóo, minutos antes de debullar, na súa quenda de peche, precisamente as "políticas" que o seu Goberno desenvolve neste eido e que, ao seu xuízo, están a dar ofrecer resultados "reais e efecteivos". "Os orzamentos destinados á Secretaría Xeral da Igualdade soben un 31%", resalta nun contexto no que pon ademais o acento na suba da achega para financiar as axudas para vítimas da violencia machista, derivada fundamentalmente do pacto parlamentario acadado o pasado verán a partir dunha proposta do BNG para que o coñecido como salario da liberdade poida ser solicitado en calquera mes do ano e non só nun período concreto de cada exercicio.
Pontón advirte de que a loita contra o machismo é "unha cuestión política" ante a que "o conformismo non axuda"
"Aínda que o papel proclame a igualdade, sen políticas activas non erradicaremos a violencia machista", retrucou Villares. "Investimos máis que nos gobernos nos que vostedes están", agregou Feijóo, antes de instar a que "toda a sociedade" se "implique" na denuncia das agresións de xénero e teña en conta que "o teléfono 016 é unha salvagarda constante". "Denunciemos que unha veciña pode ser obxecto de maltrato na súa casa, denunciemos que unha compañeira de traballo pode ser obxecto de maltrato", exemplificou.
Tras o tirapuxa da sesión de control o pleno da Cámara continuou o seu debate político con, entre outras cuestións, unha interpelación do BNG ao vicepresidente, Alfonso Rueda, sobre a incidencia da violencia machista entre a poboación menor de idade e as medidas para abordala. A abordaxe das agresións e da propia incidencia do machismo na sociedade é "unha cuestión política", resaltou Ana Pontón, ante a que "o conformismo non axuda". O "feminicidio", agrega a nacionalista, non será remediado no terreo do "e ti, máis".