Feijóo lanza xa a precampaña das municipais coa vista posta nas cidades

Núñez Feijóo, ante a xunta directiva © PPdeG

Feijóo lánzase á precampaña das municipais. Se non o fixera xa. A máis de dous anos para os vindeiros comicios locais, o presidente da Xunta centra o seu obxectivo en que o PP recupere a alcaldía das cidades e pide ás súas bases que non agarden a que "se desgasten" os gobernos de aqueles que, segundo dixo, "non gobernan". E insiste en "consolidar a confianza" electoral da que goza a súa formación. 

"Ninguén pode ter a confianza dun pobo que non se respecta e insulta", di Feijóo en referencia á oposición

Nunha xunta directiva do PPdeG para avaliar os cen primeiros días de goberno na Xunta, Feijóo apostou por levar "un proxecto ilusionante" ás cidades para recuperar as alcaldías perdidas en 2015 e instou a "estar cara a cara coa xente para saber o que reclaman, sen necesidade de intermediarios". O líder dos populares galegos insistiu nun "incesante diálogo" coa cidadanía. "Ninguén pode ter a confianza dun pobo que non se respecta e insulta", dixo en alusión á oposición. 

Para Feijóo, o PP goberna para "todos", algo que cre que non fan o resto de partidos. Entre as súas críticas ao BNG ou En Marea, cargou tamén con dureza contra o PSdeG, do que cre que a súa xente está "abochornada". O presidente da Xunta volveu basear na "estabilidade" -"que os galegos saben que terán ata 2020", dixo- o principal valor da súa formación e Executivo fronte a outros gobernos e recoñeceu o "revés electoral" das municipais de 2015. "Non lle botamos a culpa a ninguén e non nos dividimos, unímonos", engadiu. 

Feijóo gabou os membros do PP por pedir "desculpas de inmediato" cando "cometen erros", en alusión ao alcalde de Noia

Feijóo, fronte a esta "unión" denunciou a "soberbia" dos que "falan por falar" e que son "incapaces" de corrixir esta actitude. Ademais, puxo como contrapunto aos membros do PP que piden "desculpas de inmediato" cando "cometen erros", nunha frase que podería aludir ás declaracións machistas do alcalde de Noia, Santiago Freire, co gallo dos actos do Día da Muller Traballadora. 

Alén disto, rexeitou os alcaldes que "pensan que facer política é estar ben posicionado no Twitter en o Facebook" e contrapuxo esa política coa do PPdeG de "facer falando".

O líder do PPdeG instou a "consolidar a confianza" no seu partido de cara ás eleccións municipais de 2019. Na mesma liña, o presidente provincial do PP na Coruña, Diego Calvo, asegurou que Feijóo "fixo máis en cen días por A Coruña, Santiago e Ferrol que os seus alcaldes en dous anos". Ademais, a presidenta do Congreso, Ana Pastor, cualificou de "magnífico" o labor de Feijóo e foi máis aló. "Mírannos desde Europa con envexa", dixo en alusión a Galicia e España. 

Núñez Feijóo, ante a xunta directiva © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.