Feijóo pide aos cidadáns que "axuden" a financiar a sanidade e a educación

Feijóo, con material impreso dun Consello © Ana Varela

Feijóo aposta polo copago. E abertamente. O presidente da Xunta manifestou este sábado que os cidadáns "teñen que axudar" a financiar os servizos públicos, en concreto os sistemas públicos de sanidade e educación, porque, segundo asegura, "os gobernos non teñen diñeiro para mantelos e pagar a débeda que lles deixaron".

Nunhas declaracións á entrada da reunión de líderes autonómicos do PP na sede popular, Feijóo avanzou que falarán de como cumprir os seus compromisos, entre os que enumerou os dquiridos como Estado coa Unión Europea, "o mantemento dos servizos públicos esenciais a pesar da crise", xa que "a crise non pode levar por diante os sistemas públicos de educación e sanitario", o compromiso de "cadrar as contas", e "un compromiso moi complicado que é pagar" o que se debe.

Segundo Feijóo, o cumprimento de todos estes compromisos "esixe reformas" e "decisións", e declarouse "moi contento de ter, por fin, a un presidente do Goberno que quere coordinar e que quere liderar o Estado autonómico". En canto á posibilidade de que as comunidades autónomas devolvan competencias, o presidente galego di que "non é o obxecto do debate".

Aposta polo copago

Ademais, e en canto ao recorte previsto de 10.000 millóns de euros en educación e sanidade, Feijóo foi claro. "Non se trata de recortar gasto público na sanidade e a educación, senón de como conseguimos máis diñeiro para a sanidade e a educación e como lle dicimos á xente que a necesitamos para financiar o servizo públicos, os servizos sanitarios e os servizos educativos", explicou. "Os propietarios dos hospitais e dos centros de saúde son os cidadáns. Son eles aos que nos debemos e eles neste momento teñen que axudar aos gobernos porque os gobernos non teñen diñeiro para manter os servizos públicos e pagar toda a débeda que nos deixaron", declarou.

Feijóo, ante a prensa despois do Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.