Feijóo promete atender 2.000 dependentes máis, menos dos que recortou no último ano

Feijóo, nun intre do debate de política xeral © Conchi Paz

"Quero anunciarlles que, na liña de seguir atendendo o máximo número de dependentes posible, traballamos coa previsión de incorporar máis de 2.000 novas altas no sistema de dependencia de aquí a final de ano". O presidente da Xunta, lanzaba esta promesa no marco do debate de política xeral, que comezou este martes. As persoas dependentes "deben ser unha das grandes prioridades de calquera Estado do Benestar" e atendéndoas "non só pretendemos garantir" os seus dereitos, "senón tamén axudar os achegados que se fan cargos delas". Ao longo de todo o debate o presidente obviou e a oposición non deu en advertir que ese incremento na atención, se chega a producirse, nin sequera servirá para compensar o recorte do último ano.

Tal e como veñen alertando colectivos vinculados á atención á dependencia como a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, a presente lexislatura do Estado estase a caracterizar por unha redución continuada do número de persoas que reciben prestacións derivadas da Lei da Dependencia. En Galicia, como informou Praza Pública, a mingua en Galicia é practicamente constante dende marzo de 2013, cando o sistema chegou ao que, polo momento, foi o seu teito, con case 39.800 persoas atendidas. Dende aquel momento o recorte medio na atención foi de case sete persoas ao día.

No último ano o sistema perdeu 2.260 persoas atendidas, segundo o IMSERSO

Esta perda de cobertura do Sistema de Atención á Dependencia xa supuxo que o 2013 fose o primeiro ano que pechou con menos persoas atendidas que o anterior dende a posta en marcha da propia lei e a tendencia continuou á baixa no último ano. Así, tomando como referencia o último mes do que existen datos no IMSERSO, o pasado agosto, e botando a vista doce meses atrás, é posible coñecer que en Galicia a cifra total de mulleres e homes dependentes con atención pública baixou case un 6%, pasando de 38.777 en 2013 a 36.517 no mesmo mes de 2014, isto é, 2.260 persoas menos. Así, se a proposta lanzada polo presidente se fai realidade apenas logrará cubrir a redución anterior.

Esta circunstancia non foi advertida polos grupos da oposición nin nos seus discursos iniciais nin tampouco nas súas quendas de réplica. Así e todo, si houbo mencións máis ou menos xenéricas á redución no número total de persoas atendidas na intervención, por exemplo, do socialista José Luis Méndez Romeu, que lle reprochou a Feijóo que "hoxe están atendidas menos persoas dependentes que hai tres anos" e, ademias, "incrementaron as listas de espera e duplicaron os copagos" mentres "o gasto por habitante é inferior á media estatal". Asemade, Francisco Jorquera, do BNG, acusou o PP de estar a promover a "demolición" deste sistema.

Feijóo volveu afirmar durante o debate que cando chegou ao Goberno había 14.000 dependentes atendidos, pero eran 25.000

Nunha das súas respostas Feijóo tamén retomou a cuestión, aínda que sen comparar en ningún momento a súa promesa co panorama xeral. Para retrucarlle a Romeu o xefe do Executivo botou man de datos que xa utilizara noutras ocasións e que non se corresponden coa base de datos oficial, a do IMSERSO. "Cando vostede deixou o Goberno se pagaban 14.000 dependentes e agora se pagan 38.000", afirmou para responderlle ao PSdeG. No entanto, os datos din que cando o bipartito abandonou San Caetano non había 14.000 persoas dependentes atendidas, senón 25.540, e na actualidade non hai 38.000, senón as devanditas 36.517.

Servizo de fisioterapia para persoas dependentes © Concilia2

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.