Feijóo promételle a Hernández un bosque no Gaiás anunciado en 2012

Feijóo e Hernández, ante a prensa © Concello de Santiago

Nas súas primeiras intervencións públicas os novos membros do goberno municipal de Santiago -na súa maioría, persoas non electas- están a admitir que nos apenas nove meses que restan ata as eleccións municipais non terán tempo a moito máis que pechar algún asunto pendente e bosquexar proxectos que só poderían levar adiante no caso de que o PP gañe as eleccións. Por iso veñen recoñecer que estes primeiros compases que son tamén final de mandato actúan a xeito dunha longa precampaña coa que tentarán gañar a confianza da cidadanía compostelá, que hai apenas unha semana estreou o seu terceiro alcalde en tres anos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de poñer o seu gran de area nesa longa precampaña ofrecendo como proxecto estrela o denominado "bosque de Galicia", a "creación" dun espazo con especies autóctonas na Cidade da Cultura.

O plan, que durmía nunha gabeta dende a presentación en 2012 do Plan Estratéxico do Gaiás, volveu este martes á axenda do Goberno galego no marco da primeira xuntanza entre o presidente e quen fora o seu conselleiro de Infraestruturas na súa condición de rexedor da capital. Tras ese encontro o Executivo informou de que un dos "principais asuntos" tratados foi a "activación" do que presentan como un "proxecto destinado a poñer en valor os terreos sen urbanizar da contgorna da Cidade da Cultura". En total, unhas 23 hectáreas que segundo Feijóo "integran a Cidade da Cultura nun bosque" e ademais contemplan a construción de novos accesos peonís. Crear un bosque nun monte que foi urbanizado implica, para Feijóo, "un símbolo de defensa do bosque tradicional galego" e "un activo de gran valor ecolóxico e paisaxístico".

Segundo Feijóo o seu anuncio vai tornar o Gaiás nun "símbolo de defensa do bosque tradicional galego" e nun "activo de gran valor ecolóxico"

Ademais de vender a prantación de árbores no Gaiás Feijóo e Hernández presentaron tamén como froito da súa xuntanza un investimento para "seguir traballando" no que Feijóo define como "restauración e modernización da catedral de Santiago". Neste caso, o anuncio é duns 3,3 millóns de euros para restaurar "a peineta" da fachada do Obradoiro, isto é, a parte que aínda non contaba con fondos para se recuperada. "Complementaremos un convenio para que quede completamente restaurada, non só as torres que están neste momento comprometidas, senón tamén o corpo central da fachada", sinala o mandatario autonómico

A presentación de cartos xa comprometidos para financiar a capitalidade compostelá foi outro dos anuncios dun encontro que, como vén acontecendo nas últimas datas, foi revestido polos conservadores de trazas de normalidade malia a excepcionalidade vivida polo consistorio dende o inicio do mandato. Esta reunión, di Feijóo, non foi máis que "darlle continuidade a colaboracións que xa estaban empezadas" e amosar a "vontade de seguir traballando con intensidade, con diálogo e respecto institucional". Isto será así, di, porque Hernández traballará "con acerto" grazas ás súas "cualidades destacables como a dedicación ou a capacidade de xestión".

Xuntanza de Feijóo e Hernández © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.