"Galeguizar España". Esa é a "receita" que ofreceu este sábado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para afrontar a actual situación política e "superar as incertezas do Estado das autonomías" xurdidas co conflito catalán. Co gallo da entrega do preimo Ourensanía, o xefe do Executivo galego cargou contra o "lamentable espectáculo" e "irresponsabilidade" de dirixentes políticos que, segundo dixo, "pretenden volver ao século XIX" e fomentar as "regresións".
Feijóo propón "galeguizar España" como "receita" para "superar as incertezas do Estado das autonomías"
Feijóo criticou os dirixentes políticos de Catalunya que, dixo, era até agora "símbolo de modernidade, emprendemento e integración" para estar inmersa a tal hora "no escurantismo, a fractura social e a fuxida de empresas". Ademais, censurou, en referencia a Carles Puigdemont e varios ex-consellers, aqueles que se "evaden" e "foxen", danando "a imaxe internacional" de España.
“Sen falsas modestias, creo que se antes España miraba a Cataluña como modelo autonómico, agora ten que mirar a Galicia”, di
En contraste, Feijóo non dubidou en poñer de exemplo o país. “Sen falsas modestias, creo que se antes España miraba a Cataluña como modelo autonómico, agora ten que mirar a Galicia”, afirmou, tras presumir dunha "marca Galicia" totalmente "traballada" nos últimos anos e que cre que debería ser o "exemplo" no conxunto do Estado.
O xefe do Executivo galego fixo estas declaracións no acto de entrega do premio Ourensanía ao ex-porteiro do Real Madrid, Miguel Ángel González, nunha gala celebrada no Teatro Principal de Ourense.