Feijóo será investido o 10 de novembro e a oposición non proporá candidato alternativo

Santalices no encontro con Feijóo no que o propuxo como candidato á investidura o vindeiro 10 de novembro Dominio Público Parlamento de Galicia

Alberto Núñez Feijóo será investido presidente da Xunta para o seu terceiro mandato consecutivo o vindeiro xoves 10 de novembro. Dous días despois, o sábado 12, asumirá formalmente o cargo e esa mesma fin de semana está previsto que faga pública a composición do seu Goberno. Os prazos veñen de coñecerse este venres, logo da preceptiva rolda de consultas realizada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, entre os voceiros dos catro grupos parlamentarios.

Nas súas reunións con Santalices, os portavoces de En Marea, Luis Villares; PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga; e BNG, Ana Pontón, transmitíronlle que non proporán candidatos alternativos para a investidura, polo que o único candidato que defenderá o seu programa de goberno ante a Cámara será Feijóo, proposto polo portavoz do PP, Pedro Puy. Villares, Leiceaga e Pontón tamén avanzaron que o seu voto sobre a investidura de Feijóo será negativo e os tres amosaron a súa disposición a liderar a oposición contra os populares.

Feijóo defenderá o seu programa ante o pleno do Parlamento o martes 8 de novembro, e dous días despois, o xoves 10, os grupos daranlle réplica para, ao final desa xornada, votar a súa investidura, que previsiblemente sairá adiante coa maioría absoluta dos 41 deputados do PP fronte aos 34 do resto de grupos. Unha vez investido presidente, Feijóo asumirá o cargo coa súa promesa ou xuramente nun acto formal o sábado día 12. Aínda que non se concretou este venres e é unha prerrogativa exclusivamente súa, a previsión é que Feijóo faga pública a composición do seu novo goberno ao longo desa fin de semana.

En Marea cede ao PSdeG a presidencia da comisión de asuntos económicos, que por tradición viña ocupando o principal partido da oposición

Este calendario foi comunicado polo presidente do Parlamento na á Xunta de Portavoces da Cámara, reunida tamén este venres por primeira vez, logo da reunión da Mesa deste xoves. Alí informouse tamén de que as comisións parlamentarias comezarán a traballar o vindeiro mércores día 2 de novembro mentres que a sesión solemne de apertura da X Lexislatura celebrarase o martes 15 de novembro.

Canto ás comisións parlamentarias, este venres tamén se fixo público o acordo acadado entre En Marea e PSdeG para que sexa o socialista Abel Losada o presidente da comisión de asuntos económicos, na que se negocian entre outras cuestións os orzamentos autonómicos, primeira tarefa do Parlamento no que queda de ano. Mentres que o primeiro partido da Cámara adoita ocupar a presidencia da maioría das comisións temáticas, a de asuntos económicos vén sendo presidida tradicionalmente polo principal partido da oposición. En Marea e PSdeG están empatados a 14 escanos cada un, con vantaxe dos primeiros en número de votos, polo que veñen de acordar que Losada presida esa comisión económica a cambio de que Villares teña a última quenda de palabra da oposición en todos os debates parlamentarios.

Santalices coa voceira do BNG, Ana Pontón Dominio Público Parlamento de Galicia
Santalices co voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga Dominio Público Parlamento de Galicia
Santalices co voceiro de En Marea, Luís Villares Dominio Público Parlamento de Galicia
Santalices co voceiro do PP, Pedro Puy Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.