Feijóo sobe o Pico Sacro para pedir unha “maioría excepcional”

Feijóo no Pico Sacro co seu secretario xeral, Miguel Tellado, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro CC-BY-SA PPdeG

En 1925 Castelao peregrinou con outros galeguistas ata o Pico Sacro, en Boqueixón, para celebrar así de xeito simbólico o Día Nacional de Galicia prohibido pola ditadura de Primo de Rivera. Ata alí siguen indo por cada 25 de xullo diversos colectivos do país. Ese alzamento simbólico da terra nai, como o cualificou anos despois no seu Alba de Groria, serviu este mércores para que Feijóo lanzase oficialmente a segunda fase da súa xa longa precampaña cara as autonómicas do 25 de setembro, previa á campaña que se iniciará oficialmente o 9 de setembro.

Como Castelao en 1925, o PP peregrina ata o simbólico monte e o presidente di alí que non se presenta ás eleccións por política senón por sentimento

O PP galego celebrou este mércores aos pés do Pico Sacro a súa primeira xunta directiva logo da convocatoria das eleccións, previo ascenso de Feijóo ata o cumio do monte. Na súa intervención posterior, o presidente pediu aos galegos que lle dean unha “maioría excepcional”, argumentando que hoxe en España unha “maioría estable” é unha excepción, pero que ao seu ver el pode reclamar unha grazas os seus feitos. Feijóo volveu xustificar a data elixida para os comicios e insistiu en que España “empezar a tomar nota das comunidades que cumprimos coa nosa responsabilidade”. “Eu quero unha Galicia que siga sendo Galicia”, engadiu.

O presidente tamén criticou a oposición por non ter proxecto e contrapuxo a súa acción de goberno. “Como non imos crer en Galicia se vemos o futuro moito mellor que hai catro anos? Nunca melloramos tanto en tan poucos meses como estamos mellorando nestes últimos”, asegurou. Segundo Feijóo, el non se presenta como candidato á Xunta por unha cuestión partidista, ideolóxica, profesional nin política, senón que o fai por vocación e sentimento.

Feijóo no Pico Sacro Dominio Público PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.