Feijóo tenta desactivar a oposición do PSdeG pola vía dos pactos

Feijóo diríxese á oposición, no pleno do Parlamento © Ana Varela

Dende o inicio da lexislatura o grupo parlamentario que sustenta o Goberno, o PP, foi consciente de que o panorama político do país mudaba despois das eleccións do 21 de outubro, e non só porque Feijóo fose estar apoiado por tres deputados máis -de 38 a 41- malia perder máis de 125.000 votos no paso polas urnas. A ruptura, despois dunha década, do xa tradicional esquema de tres grupos parlamentarios fixo que, despois dunha campaña notablemente polarizada coa emerxente AGE, os conservadores fosen conscientes de que ían atopar poucos espazos para o encontro co novo grupo, pero tamén co BNG e co PSdeG. Por iso, dende o inicio, tentan -polo momento sen éxito- atraer os socialistas.

Tanto en privado como en público, os populares insisten na necesidade de que o PSdeG actúe máis ao xeito do PSOE no Congreso dos Deputados, onde o seu líder, Alfredo Pérez Rubalcaba, teima na necesidade de acadar "pactos de Estado" con Mariano Rajoy. Segundo a súa análise, a irrupción do grupo liderado por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, ao que acusan de non "respectar as institucións" e de instalarse no "radicalismo", provocou que tampouco caiba a posibilidade de achegamento ningún co BNG, ao que tamén ven radicalizado, segundo a súa análise. Nesta liña, multiplican as apelacións aos socialistas para mantérense dentro do 'sistema'.

O PP observa unha 'radicalización' da oposición tras a chegada de AGE

O último destes chamados chegou o pasado mércores por boca do propio Alberto Núñez Feijóo. Apenas dúas semanas despois de sentenzar en sede parlamentaria que no seu partido o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, é considerado "un filón electoral", o presidente da Xunta aproveitaba a sesión de control na Cámara para "lamentar" que "o Goberno non poida contar co PSdeG case para nada" e para reprocharlle, implicitamente, que manteña máis conversas co resto da oposición que co grupo conservador. "Lamento que se apunte a facer, de vez en cando, determinados circos no Parlamento galego", di Feijóo, en cuxa opinión os de Vázquez se "deixan arrastrar por determinadas actitudes que nunca fixeron historia na súa longa historia como partido socialista democrático, que cre nas institucións".

Feijóo pídelle ao PSdeG que colabore na renovación do Consello de Contas e no recorte ao Parlamento

Neste contexto, Feijóo lánzalle ao PSdeG unha petición que, con matices, tamén recibiu el cando era o líder do único partido da oposición. "Gustaríame poder ter con vostede e o seu grupo pontes de diálogo" para, entre outras cousas, "renovar as institucións que temos pendentes", isto é, realizar o relevo no Valedor do Pobo e cubrir a vacante no Consello de Contas provocada polo falecemento de José Antonio Orza. "Non vou citar o meu compañeiro de Goberno [Orza] por respecto á situación na que está a súa vacante simplemente porque non se poñen de acordo", reprocha, nun contexto moi semellante ao provocado polos populares cando non permitiron cubrir o posto no Consello de Administración da TVG que lle correspondía ao BNG tras o falecemento do seu titular.

O achegamento que pide Feijóo non remata aquí. Tamén quere sumar o PSdeG para "cumprir o compromiso electoral de facer un Parlamento de acordo coa situación actual de Galicia", isto é, que aposten tamén por recortar o número de escanos, algo que os socialistas xa avanzaron que non farán. Mentres o PSdeG está ás portas do seu proceso congresual Feijóo pídelle a Pachi Vázquez, que aínda non revelou se volverá optar á secretaría xeral, que "faga o favor de dar exemplo" á militancia do seu partido "que quere un Partido Socialista útil".

Feijóo diríxese á oposición, no pleno do Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.