Feijóo terá que defender por segunda vez a Baltar ante o Parlamento

Feijóo, na última sesión de control © Conchi Paz

A sesión de control do pasado día 11 deixou unha fonda preocupación no presidente da Xunta e no seu equipo. A resposta deseñada para retrucarlle á oposición a respecto do caso Baltar, desdeñando o presunto ofrecemento de emprego por sexo, primeiro, e defendendo despois o barón ourensán ante a denuncia e as gravacións, nas que se gaba de poder modificar o resultado de procesos selectivos da Deputación, provocou unha enorme vaga expansiva. A oposición abandonou o pleno entre berros de "machista" e o xefe do Goberno ficou como valedor de Baltar no seu peor momento. O vindeiro mércores, dúas semanas despois dese episodio, o presidente terá que volver defender o líder do PP de Ourense a respecto da mesma cuestión.

O BNG non puido participar naquela quenda de preguntas -as novas normas parlamentarias exclúeno de dúas sesións de control ao ano- e por iso volverá sobre o tema na da semana que vén. Así, os nacionalistas veñen de introducir na orde do día unha pregunta para cuestionar a Feijóo "polo seu apoio a José Manuel Baltar" a quen, indica a súa vicevoceira, Ana Pontón, se lle atribúe uns feitos que poderían ser considerados como "acoso sexual".

A última sesión de control provocou unha fonda preocupación na contorna do presidente

"O señor Baltar -di a parlamentaria- non debe seguir á fronte da Deputación despois das graves acusacións e gravacións que certifican que se produciron" uns feitos ante os que Feijóo, lamenta, "ampara" o dirixente ourensán dun xeito "lamentable". Alén de que o acontecido poida ser "penado" nos tribunais, advirte, a denuncia e as gravacións "inhabilitan esta persoa para continuar á fronte da Deputación de Ourense". Baltar, resalta, "tiña que ter dimitido hai días", no canto de xerar unha "situación bochornosa" na que Feijóo actúa como "cómplice".

Comparecencia vetada

A introdución esta pregunta na sesión de control aboca a Feijóo a abordar o caso Baltar malia ao veto do Grupo Popular, que tombou cos seus votos na Xunta de Portavoces a solicitude de comparecencia que, sobre o mesmo asunto, tramitaran conxuntamente AGE e o propio Bloque. A intención, indica a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, era que o presidente explicase "urxentemente" se "teñen previsto seguir violentando os dereitos das mulleres con declaracións como as do pasado mércores", nas que ademais de relativizar o propio caso, acusou a oposición de "utilizar as mulleres" por preguntar ao respecto. Baltar, lamenta Díaz, segue contando co "abeiro" do presidente da Xunta.

Os populares evitaron que o presidente teña que comparecer monograficamente sobre a denuncia contra o barón ourensán

Feijóo non comparecerá sobre o caso Baltar e tampouco o fará o vicepresidente, Alfonso Rueda. O PSdeG pediulle que, "en ausencia do seu xefe de filas, ofreza el unha explicación cabal do que está ocorrendo co presidente da Deputación de Ourense" pero, como era previsible, a petición foi rexeitada.

Estas peticións de comparecencia non tiveron éxito e tampouco outra sobre a que, segundo afirmou Feijóo nesa controvertida sesión, é "o principal problema de Galicia", polo que a oposición debera preguntar: o paro. Dado que o xefe do Executivo manifestou esa "excepcional preocupación" polo mercado laboral cando foi preguntado polo barón ourensán, o PSdeG solicitou que comparecese para falar monograficamente do tema e o PP tamén o impediu. O Goberno, ironiza o socialista José Luis Méndez Romeu, vai "pasar por alto" a "preocupación" presidencial que, se cadra, "non responde á realidade".

Feijóo, na sesión de control do 11 de novembro © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.