- HEMEROTECA | O PP propón que incumprir os prazos de depuración das rías non implique sancións da UE
- VÍDEO | O líder do PP santiagués apaña lixo na beira do Sar e guíndao á auga para denunciar a contaminación do río
O presidente di que non viu as imaxes e opta por criticar o goberno local, ao que fai responsable da contaminación, obviando a demora acumulada desde hai décadas no saneamento das rías galegas
“Discutir sobre os vídeos... O que está claro é que o portavoz maioritario da oposición o que foi é a poñer de manifesto que no río Sar se está vertendo sen depurar e iso conleva responsabilidades”. Así respondeu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado na súa rolda de prensa semanal se vira o vídeo convertido en viral no que o líder do PP en Santiago, o seu ex-conselleiro de Medio Ambiente durante cinco anos e ex-alcalde un ano, Agustín Hernández, guinda en reiteradas ocasións lixo depositado nas beiras do río Sar á auga ao tempo que denuncia a inacción do goberno local, de Compostela Aberta, cara a esa contaminación.
Feijóo asegurou que non vira o vídeo, e optou por poñer o foco nas dúbidas que o goberno local ten sobre o emprazamento da nova depuradora da cidade, que está a demorar a súa construción mentres a actual é incapaz de tratar todas as augas residuais que se producen. O presidente criticou que se a depuradora non se comeza a construír xa perderanse os fondos europeos que a ela ían destinados e a UE podería impor sancións pola contaminación, ameaza que pesa hai anos sobre a gran maioría das rías galegas. “Esa irresponsabilidade non é propia de ningún goberno”, dixo, obviando a lentitude coa que a propia Xunta, ao longo das últimas décadas, afrontou o problema da contaminación das rías e mesmo que o PP propuxo no seu programa electoral para as últimas eleccións europeas que a UE non sancionase por incumprir os prazos para a depuración.
“O Concello de Santiago incorre en responsabilidade por estar vertendo ao río sen depurar”, critica Feijóo
“O Concello de Santiago incorre en responsabilidade por estar vertendo ao río sen depurar”, chegou a asegurar Feijóo xusto antes de restar relevancia ao vídeo do seu ex-conselleiro de Medio Ambiente e xustificar que o seu acto á beira do Sar e ante os medios de comunicación era un xeito de “poñer de manifesto” esas verteduras.
O pleno compostelán aborda este xoves a proposta de convenio coa Administración autonómica e estatal para a construción da depuradora. Faino por iniciativa do propio goberno local, que por boca do rexedor, Martiño Noriega, xa advertiu de que "non vai apoiar o texto" por considerar que "non é un bo acordo para a cidade" e tenta resolver un asunto enquistado "dende hai 20 anos" sen "seguridade xurídica" para Santiago e mais para Ames, tamén afectado pola infraestrutura. Sobre a escena protagonizada por Hernández á beira do río Noriega atribúea ao "nerviosismo" a respecto da súa xestión coa depuradora como antigo conselleiro e alcalde. "Tivo que ser o subsconsciente, que se desmadrou, e no subsconsciente agóachanse as verdadeiras intencións e paixóns", ironiza o rexedor.