Feijóo xustifica que a Xunta siga sen facer enquisas electorais porque xa as fan os medios de comunicación

Sede do Instituto Galego de Estatística (IGE) © Google Street View

O Goberno galego aproba o seu plan estatístico para 2019 sen incluír ningún barómetro de tipo político e o presidente di que suprimiu os que facía o bipartito polo seu custo 

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal deste xoves o programa estatístico anual para 2019 tanto do Instituto Galego de Estatística (IGE) como do resto de departamentos autonómicos que emiten ese tipo de estudos. Nel, novamente, non se inclúe ningunha enquisa electoral ou de valoración política da Xunta por parte da cidadanía, cuestión pola que foi preguntado Feijóo. O presidente xustificou que o Goberno galego siga sen facer ese tipo de enquistas, como si fan Euskadi ou Catalunya, entre outras comunidades, polo seu elevado custo e porque xa existen estudos similares elaborados por distintos medios de comunicación. 

Durante o bipartito de PSdeG e BNG, a daquela Secretaría Xeral de Análise e Proxección, dependente da Presidencia da Xunta, elaboraba diversos barómetros sobre tendencias políticas. Foron suprimidos cando Feijóo chegou ao Goberno galego hai case dez anos porque “son estudos que non son baratos”, segundo argumentou este xoves o presidente, quen engadiu que “teñen importancia sen dúbida para os partidos políticos, pero menor importancia para as empresas e menor importancia para os cidadáns”. Porén, neste tempo a Xunta si encargou a empresas alleas enquisas de diverso tipo sobre, por exemplo, a "eficacia" da súa propia publicidade.

Feijóo, na súa rolda de prensa deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

"Nos informamos a través dos medios de comunicación e dos excelentes estudos dos medios de comunicación”, di Feijóo, que renunciou ás enquisas que facía o bipartito pero que neste tempo encargou outras sobre cuestións como a "eficacia" da publicidade da Xunta

Feijóo di que, dez anos despois, segue sen considerar adecuado destinar cartos públicos autonómicos a enquisas de tipo político, como fan Catalunya ou Euskadi, e argumenta que "nos informamos a través dos medios de comunicación e dos excelentes estudos dos medios de comunicación”. Fronte a esa situación, o presidente galego critica a manipulación que ao seu ver están a sufrir as enquisas políticas do estatal Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que considera manipuladas polo Goberno socialista. 

Así pois, en 2019 seguirá sen haber enquisas de tipo político entre as 183 estatísticas que elaborarán diversos departamentos autonómicos sobre cuestións como territorio, poboación, sociedade ou tecnoloxía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.