As súas candidaturas foron dúas das principais preocupacións de Alberto Núñez Feijóo durante a campaña electoral do 24M e as súas vitorias, o principal retrato da Galicia urbana destas eleccións municipais. O maxistrado e profesor Xulio Ferreiro e o médico Martiño Noriega foron elixidos hai poucos meses para pór cara e liderado á Marea Atlántica e a Compostela Aberta, as dúas plataformas unitarias que, apoiadas por formacións como Anova, Esquerda Unida ou Podemos e diversos colectivos sociais, encabezarán -agás sorpresa maiúscula- os gobernos da Coruña e Santiago desde o próximo 13 de xuño.
Ferreiro chegou á Marea desde a súa praza nos xulgados de Lugo e Noriega, desde o veciño Concello de Teo, que gobernou dende 2007. No derradeiro día da campaña electoral ambos pasaron un anaco xuntos no centro de Compostela e non poucas persoas viron pouco máis que un lugar común de campaña na afirmación de que esa era a imaxe dos vindeiros alcaldes dos concellos coruñés e compostelán. As urnas indicaron que isto vai acontecer e, antes de poñérense á tarefa, propuxémoslles que se entrevisten entre si. Eis o resultado.
Martiño Noriega entrevista Xulio Ferreiro
A quen dedicas esta vitoria?
A toda a xente da Coruña, especialmente aquela que apostou dende o primeiro día por este proceso. No plano persoal, á miña familia, dado que isto é duro para eles tamén.
Cal será a túa prioridade o primeiro día?
Loitar por que todas as familias da Coruña teñan as súas necesidades básicas cubertas.
Cales son os referentes do Xulio Ferreiro alcalde?
Durante todo este proceso o referente foi esencialmente colectivo, comezando por Barcelona en Comú, espello onde nos miramos moitos/as e en Ada como persoa que lle pon voz. Entre os alcaldes da Coruña, evidentemente Domingos Merino é un referente na vida municipal desta cidade, con esa intención de abrir o Concello á xente e permitir a participación dos veciños e veciñas na toma de decisións, máis alá do que finalmente sucedera co seu goberno. Finalmente, entre os actuais líderes, se cadra Mujica sería un referente en canto a honestidade, a ética no desenvolvemento do cargo, principios e valores e tamén, por impulsar a unidade popular en Uruguay.
Que sinerxias poden xurdir do 'Eixo da AP-9'?
"A estratexia de enfrontamento entre cidades é un erro brutal, se cadra un dos maiores que existiron neste país"
Moitas. A estratexia de enfrontamento entre cidades creo que é un erro brutal. Se cadra un dos maiores que existiron neste país. Colaborar en plano de igualdade, establecer políticas cooperativas, coordinarse (no tema aeroportuario, por exemplo, pero non só) significa enriquecerse mutuamente e aproveitar as fortalezas duns e doutros para que beneficien a todos. Cando falamos de nova política falamos de procesos colaborativos. Creo que chegou o momento de levar esta forma de actuar ás institucións e comezar a tecer esa rede de cidades rebeldes, no Eixo Atlántico, e máis alá.
Demostrada a efectividade da unidade popular, podemos estar diante do cambio que Galiza necesita?
Creo que tanto a Marea Atlántica como Compostela Aberta demostraron que os procesos de confluencia e unidade son premiados polo electorado. A suma, multiplica, neste caso. Creo que é unha lección que debemos aprender para inspirar fórmulas de actuación en futuros procesos electorales. Agora ben, a confluencia leva tempo, require ser cociñada a lume lento, neste sentido hai que apostar por ela, impulsala, pero respectar os tempos que permitan a madurez dos procesos e o establecemento de lazos de confianza necesarios.
Xulio Ferreiro entrevista Martiño Noriega
Que influencia tivo a campaña en contra que che fixo a maioría da prensa local?
Faltoulle credibilidade. Despois destes últimos catro anos, con máis de 18.000 veciños e veciñas en risco de exclusión social, cunha cidade paralizada na xestión e cun deterioro evidente de imaxe da mesma (tres alcaldes en catro anos e un goberno actúal de representantes non elexidos en urnas) a xente demandaba cambio real de políticas e de maneira de facer. As posicións mediáticas dalgúns asemellaron a orquestra do Titanic que non deixaba de tocar mentres o barco ía a pique.
Como creou ilusión na xente Compostela Aberta?
Compostela Aberta fixo da participación a súa razón de ser, tanto para escoller a lista como para construír o programa. A maiores levou a cabo máis de 50 actos nos barrios e nas parroquias da cidade. Non vendemos ningunha moto pero prometemos volver escoitar e recuperar de maneira coparticipada o relato da cidade que esta perdeu hai anos. Iso, xunto a outra maneira de entender o que debe ser a comunicación política (con actos alternativos de apertura e o central de campaña) levou a xerar un efecto bóla de neve en Santiago. O feito de que a campaña fose financiada integramente por case 400 veciños e veciñas da cidade que xuntaron 25.000 euros e os centos de voluntarios e voluntarias que participaron nos traballos destas semanas dan unha idea da ilusión que provocou esta candidatura de unidade popular.
"As cidades que optaron por candidaturas de unidade popular para mudar as cousas teñen que facer como a maioría social agredida: tecer rede, xerar dinámicas de solidariedade"
Que papel terán as cidades rebeldes no tempo político que comeza?
As cidades que optaron por candidaturas de unidade popular para mudar as cousas teñen que facer como a maioría social agredida, tecer rede, partillar experiencias e xerar dinámicas de solidariedade para enfrontarnos a unha situación adversa no institucional, a un acoso dos poderes fácticos e a un corse do estado sobre os concellos que rematou coa autonomía local.
Cal é o parte de danos no PP, especialmente no caso de Feijóo?
Feijóo aínda está a facerse as preguntas para a resposta de dignidade que entre todos e todas estamos a levar adiante. Non se decata que o que el representa ten os días contados. A súa derrota neste proceso foi evidente, non só en termos simbólicos electorais se non tamén no fracaso da estratexia do medo que intentou visibilizar. A xente tenlle medo ao pasado e tenlle medo ás políticas do PP.
Seguirás tan activo como até agora nas redes sociais, dando os bos día cunha canción?.
A música e as redes que non falten. Precisamos rock and roll.