Ferreiro, Noriega e Viejo inauguran as xornadas de Procesos Constituíntes de Podemos

De esquerda a dereita, o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, o da Coruña, Xulio Ferreiro, o concelleiro de Barcelona en Comú, Reimundo Viejo e Ángela Rodríguez, de Podemos Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

Baixo o lema Construír o cambio, facer país comezou a primeira das palestras das xornadas de Procesos Constituíntes organizadas por Podemos Galicia. 

O concelleiro de Barcelona en Comú, Raimundo Viejo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o da Coruña, Xulio Ferreiro, aportaron a súa visión do concepto de municipalismo tras as pasadas eleccións locais na praza de Mazarelos, en Compostela. A encargada de dirixir o acto foi Ángela Rodríguez, de Podemos Pontevedra, unha das elixidas en Galicia para conformar a famosa lista de Pablo Iglesias para as primarias do partido.

Construcción e futuro

Os tres poñentes coincidiron en diferenciar dous momentos nas municipais: o de construcción do proceso e o do traballo que queda por diante. "Dáche a sensación de que estás todo o día coa lingua fóra, e corres e corres e corres e parece que non das chegado, e no medio desa voráxine non tes nin tempo para frear e analizar o que está pasando", explicou Xulio Ferreiro. Viejo e Noriega afirmaron sentirse de xeito parecido. 

"A forza do colectivo foi fundamental", argumentou Ferreiro, "eu, como candidato, cheguei ás eleccións cun 30% de coñecemento, polo tanto houbo máis votantes que xente que me coñecía". Ao fío disto engadiu que "o liderado aporta pero os procesos colectivos sen líder tamén funcionan, e viuse coa Marea". Outra pata fundamental para o alcalde da Coruña foi a de usar "métodos innovadores, cruce de metodoloxías e ter unha folla de ruta clara desde o principio".

"Eu, como candidato, cheguei ás eleccións cun 30% de coñecemento, polo tanto houbo máis votantes que xente que me coñecía"

"É moi importante ser intrusos e seguir sendo intrusos, que os grandes poderes se pregunten e estes quen son?",reflexionou Ferreiro, "é o reto de combinar a orixinalidade coa institución, de cumplir un programa rupturista co corsé xurídico". Para Noriega o reto é o de ser quen de "pararse a pensar". "Antes das eleccións vivimos un proceso de aprendizaxe onde comprendemos a potencialidade da unidade popular, gañáronse as eleccións cos poderes fácticos en contra", subliñou o rexedor.

"É moi importante ser intrusos e seguir sendo intrusos, que os grandes poderes se pregunten e estes quen son?"

Da marxinalidade a gañar

Canto ao resultado electoral, Viejo dixo que tiña un "punto kafkiano". "Eu votei toda a vida opcións tan marxinais que ás veces nin saían, e agora vótome a min mesmo e gaño". "A xente pregunta que fará Barcelona en Comú de cara ás autonómicas, pois é moi complexo, porque isto é un proceso moi profundo, e a mostra clara é que somos incapaces de saber como imos estar nun mes".

"Nós, como proceso colectivo", explicou Ferreiro, "demostramos que podían gañar os que socioloxicamente levaban décadas perdendo". Para Noriega, parte do éxito debeuse a que "nun intre de aceleración histórica, a xente apostou todo polas institucións, que ata entón viran con desconfianza". "A victoria trae consigo algo moi importante: podes poñer enriba da mesa, na axenda política, cuestións que, ata entón, só estiveran reivindicadas polos movementos sociais", proseguiu Ferreiro. "Logo dun mes na alcaldía, xa houbo reunións con uniformes verdes, azuis, con sotanas... tratas con xente coa que non trataras antes, e non está mal porque ti podes dicirlle o que pensas e, claro, eles escóitante". "O que lle dá pánico aos poderes fácticos", concluíu Noriega, "é que os novos procesos municipalistas poidan poñer políticas de fondo, de cambio, en escena".

"Demostramos que podían gañar os que socioloxicamente levaban décadas perdendo

Carácter destituínte e caso galego

"Barcelona en Comú ten fixado un desafío", afirmou Viejo, "unha vez ao mes, polo menos, Ada e os concelleiros temos que ir ás prazas a falar coa xente, a renderlles contas. De momento é fácil, pola ilusión, pero hai que seguir facéndoo cando veñan os problemas, reinventándonos". "No Estado Español non só hai unha crise de lexitimitade", explicou o profesor universitario. "Tampouco é só institucional, senón que é de institucionalidade, é dicir, da natureza da institución, e aí é onde temos que traballar, onde temos que experimentar", engadiu. Ao fío disto sostivo que "hai unha dobre tensión constituínte, por unha banda os medios, que non che pasan unha, e pola outra a das prazas, que é a que temos que escoitar". Viejo explicou que unha frase habitual de Colau é se non o facemos como o temos que facer, botádenos de aquí, para Viejo ese carácter destituínte debe estar, inequivocamente, na praxe desta nova fase do municipalismo.

"As Mareas galegas son un proceso distinto das do resto do Estado, e isto é importante resaltalo e aproveitalo", sentenciou Ferreiro. "A unidade non é aquí estou eu, son a unidade, vide a min. Iso ten un límite, e aquí en Galicia xa vimos a onde chega" dixo o rexedor coruñés. Ao fío disto engadiu que "as mareas galegas poden ser catalizador de algo, pero non un tapón, porque o desborde ten que seguir, o proceso de acumulación de forzas debe continuar".

"A victoria do proceso é a cesión, ou a derrota, das partes"

"É preciso deixar o patriotismo partidario, e con isto non pretendo un discurso antipartidos", expuxo Noriega. "Todos somos de boca fillos da nova política, pero todos vimos da vella e é importante ser consciente de que para a unidade popular hai que deixar posicións de parte". "A victoria do proceso é a cesión, ou a derrota, das partes", concluíu o rexedor santiagués. 

Público asistente á inauguración das xornadas de Podemos sobre Procesos Constituíntes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.