Ferrol e Ourense, á procura de orzamentos municipais para a segunda metade do ano

Xunta de Portavoces do Concello de Ourense © Concello de Ourense

As eleccións municipais celebradas hai este día 24 un ano deixaron un panorama político municipal con amplas mudanzas a respecto do debuxado en 2011. A emerxencia das mareas municipais e conversión das maiorías absolutas en excepcións tivo un fiel reflexo nas sete cidades de Galicia, cuxos equipos de goberno precisan, agás en Vigo, de acordos coa oposición para sacar adiante proxectos nos plenos. Nesta liña, os orzamentos de 2016 presentábanse como o primeiro gran exame das novas corporacións. Só a viguesa e a pontevedresa comezaron o ano coa proba superada; Santiago, Lugo e A Coruña sacárona xa adiante tras superar fortes atrancos e os gobernos de Ferrol e Ourense din agardar facelo para poder dispoñer de orzamento na segunda metade do ano, aínda que polo momento sen datas concretas.

O último orzamento en recibir aprobación definitiva foi, este luns, o da Coruña. Mes e medio despois do convulso pleno de aprobación inicial, no que as emendas de PP e PSOE foron recibidas polo goberno local como un intento de "moción de censura encuberta", as negociacións das últimas semanas desembocaron nunhas contas que "son son as que desexaría o Goberno local, pero garanten que a cidade estará mellor que sen elas", en verbas do alcalde, Xulio Ferreiro. O orzamento, aprobado cos votos da Marea Atlántica e do Grupo Socialista e a abstención de PP e BNG, ascende a 244,5 millóns de euros e nel o goberno local salienta partidas como 40,5 millóns de euros "para políticas sociais, un 20% máis que en 2015".

A Coruña aprobou as súas contas este luns cos votos favorables de Marea Atlántica e PSdeG

Os orzamentos coruñeses chegan á semana seguinte da aprobación definitiva doutro goberno con correlación de forzas inversa, o de Lugo, onde o goberno que encabeza a socialista Lara Méndez tivo que procurar o apoio da 'marea' local, Lugonovo, para sacar as contas adiante. Tras ser desestimadas alegacións como as formuladas polos sindicatos CSI-F, CC.OO. e UGT no eido de persoal e outra relativa a unhas expropiacións, o pleno do 18 de maio desbloqueou un orzamento que ascende a 91 millóns de euros, finalmente cos votos de PSdeG e Lugonovo, as abstencións de BNG, Ciudadanos e ACE e o voto en contra do PP. Como na Coruña, o Concello lucense destaca tamén a partida social, no seu caso de 19 millóns e, dentro dela, 1,1 millóns "que se dedicarán a poñer en marcha un plan de emprego municipal".

O goberno de Santiago aprobou definitivamente o orzamento en abril e o de Lugo, a mediados de maio

Unha cantidade un chisco superior á de Lugo, 99,4 millóns, é a que ten dispoñible o Concello de Santiago tras a aprobación definitiva dos seus orzamentos, no pleno do 28 de abril co voto favorable de Compostela Aberta, a abstención de PSdeG e o voto negativo do PP, segunda forza da corporación. Tras meses de negociacións tanto o grupo socialista como o Bloque manifestaron que optaran pola "responsabilidade" e non provocar que a capital galega tivese que manterse na prórroga do derradeiro orzamento do PP. Mentres, a edil de Facenda, María Rozas, subliñou que o goberno fixera un "grande esforzo para incorporar a maior parte das propostas da oposición". O alcalde, Martiño Noriega, salientou tras a aprobación o "incremento nun 35%" dos fondos sociais e de emprego ou o "dobre" de asignación para actuacións na zona rural.

Atrancos en Ourense e Ferrol

O orzamento ourensán está, polo momento, bloqueado na definición da relación de postos de traballo

Os atrancos orzamentarios son maiores en Ourense en Ferrol, a primeira cun goberno monocolor e a segunda, cunha coalición, pero ambas en minoría. Na única cidade galega gobernada polo PP o seu alcalde, Jesús Vázquez, avanzaba o pasado novembro que prevía un orzamento de arredor de 104 millóns de euros e admitía, asemade, que sería "necio" obviar a "dificultade" de chegar ao imprescindible acordo para sacar o proxecto adiante -os conservadores teñen 10 edís e a oposición, 17-.

Despois de que en 2015 o antigo goberno socialista xa non fose quen de aprobar as súas contas, as negociacións orzamentarias nin sequera comezaron como tales, toda vez que o proceso se mantén bloqueado na aprobación da relación de postos de traballo, un requisito imprescindible. "O normal sería telos xa", admitía a pasada semana o alcalde, quen polo momento non é quen de poñer prazos a un proceso que, cando sexa desbloqueado, aínda terá por diante a difícil consecución dun pacto para o que son imprescindibles, cando menos, ou Democracia Ourensana (8 edís) ou o PSdeG (6).

O alcalde de Ferrol agarda poder presentar as contas en "menos dun mes"

As críticas que en Ferrol recibe o PP son formuladas por este mesmo partido cara ao goberno local, encabezado por Ferrol en Común en bipartito co PSdeG. As tensións vividas entre os socios nos últimos meses lastraron a elaboración dun documento que a exedil de Facenda, Eugenia Freire, asegurou deixar ultimado cando deixou o seu posto, a finais de abril. Tras as últimas declaracións cruzadas o alcalde, Jorge Suárez, subliñaba nos últimos días que os fallos en torno ao orzamento foran tan "colectivos" como "subsanables" e esperaba ter presentado finalmente o orzamento en "menos dun mes", desbotando así manterse co do PP prorrogado. Cando isto suceda será a quenda para procurar o acordo co BNG, imprescindible para aprobar as contas.

Jorge Suárez e Beatriz Sestayo © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.