Festa, política e reivindicación nun Día da Patria cheo de actos

Celebración do Día da Patria en Compostela CC-BY-NC-SA dorfun

Festa, política e reivindicación. Cada 25 de xullo Compostela convértese nunha amálgama de actos, que van desde o lecer dun día festivo até a manifestación máis contestataria. Todo cabe nunha xornada na que o nacionalismo celebra o seu día grande. Nun Día da Patria (Día Nacional de Galicia ou Día de Galicia, segundo quen o cite) onde Santiago vive tamén a súa festa grande e onde os poderes públicos homenaxean un país que chega a esta xornada inserido nunha crise económica da que non escapa ninguén.

Por primeira vez en moitos anos, o nacionalismo acode dividido ao seu día grande

Será, ademais, un 25 de xullo onde, por primeira vez en moito tempo, o nacionalismo acudirá claramente dividido en diversas opcións políticas. Así, o BNG celebrará a súa tradicional manifestación, como cada ano, desde as 12 do mediodía na Alameda, para acabar na praza da Quintana, onde rematará a marcha e onde se desenvolverá o tradicional acto político. Baixo o lema, Rescata os teus Dereitos. En Bloque Podemos!, a fronte volverá reivindicar os dereitos nacionais de Galicia, que este ano -e en plena e dura recesión económica- irá acompañado dunha reivindicación dos dereitos sociais, tan postos en dúbida coas últimas medidas do Executivo central. Nos discursos, será a hora do voceiro nacional, Guillerme Vázquez, e do candidato á Xunta, Francisco Jorquera, que dá un pulo máis nas súas intervencións de cara aos vindeiros comicios autonómicos.

O Bloque, que apoia unha campaña para pendurar das fiestras a bandeira galega, estará apoiado na Quintana por representantes de ERC, Compromís, Bloc Nacionalista Valenciá, Partit Socialista de Mallorca, Coalición Canaria, Aralar, a esquerda abertzale, Eusko Alkartasuna, Bloco de Esquerda e Partido Comunista Português, entre outros. Ademais, enviarán saúdas o PNV, a Chunta Aragonesista, Geroa Bai, Nueva Canarias, Partido dos Trabalhadores, Fronte Popular para a Liberación de Palestina, Sinn Fein e Plaid Cymru. Tras o remate dos actos políticos, o BNG celebrará o seu tradicional xantar na carballeira de San Lourenzo, amenizado de fondo cos numerosos e variados actos do Festigal, que celebrará a súa segunda xornada.

BNG, Compromiso por Galicia e Anova celebran os seus actos case simultaneamente

Á mesma hora do inicio da manifestación do BNG, será o tempo de Compromiso por Galicia, a unión de Acción Galega, Ecogaleguistas e Máis Galiza, e que desenvolverá os seus actos no parque de Bonaval. Ás 12 do mediodía, a coalición levará a cabo unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, para media hora despois realizar o seu acto político, no que intervirán Sara Torreiro, Xosé Manuel Pérez Bouza, Xabier Oviedo, Paulo Carlos, Chus Boo, Teresa Táboas e Xoán Báscuas. Ademais, e durante toda a tarde haberá un obradoiro de ideas, xogos populares para os máis cativos e un concerto, a partir das 18.30, con Roi Casal e Os da Ría.

Non moi lonxe de alí, na praza de Mazarelos, terá lugar o acto político de Anova-Irmandade Nacionalista, a nova formación nacionalista, liderada por Xosé Manuel Beiras e conformada hai tan só uns días tras a asemblea nacional constituínte do pasado 14 de xullo. O ex voceiro nacional do BNG será un dos intervintes nos discursos, que comezarán á unha do mediodía, e aos que seguirá un xantar no parque de Bonaval.

Do mesmo xeito, o independentismo tamén celebrará máis dun acto en Compostela. Así, ás 12.30 comezará na Alameda a manifestación de Nós-Unidade Popular, mentres que media hora máis tarde  sairá a de Causa Galiza do mesmo lugar, para logo gazar dun xantar colectivo no xardín de San Roque.

Ademais, e paralelamente, a cidade acumulará unha chea de actos festivos con motivo da celebración do día grande das celebracións, que nesta xornada comeza coa Ofrenda Nacional ao Apóstolo e continúa con concertos en diversas zonas da cidade. A Xunta, pola súa banda, tamén celebrará institucionalmente o Día de Galicia, coa participación pola mañán na ofrenda ao Apóstolo e, xa á tarde, co acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia ás 19:30 do serán no Palacio de Congresos.

Celebración do Día da Patria en Compostela CC-BY-NC-SA dorfun

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.