Fomento anuncia o arranque dos novos trens rápidos en plena precampaña

Feijóo, Pastor e Caballero, na estación de Vigo © Xunta

O trazado do Eixo Atlántico que reducirá a uns 70 minutos o percorrido en ferrocarril entre A Coruña e Vigo comezará a funcionar o vindeiro sábado, segundo anunciou a ministra de Fomento, Ana Pastor, nun almorzo informativo en Pontevedra. Os billetes para estes trens de velocidade alta, pero que non alcanzan aínda as do AVE, poderan mercar desde este martes e manterá os mesmos prezos que mantiñan antes da redución de tempo, tal e como avanzou a titular do Goberno no debate Infraestruturas para unha nova era

A posta en funcionamento do Eixo Atlántico chega quince días despois da inauguración oficial

A posta en funcionamento do Eixo Atlántico chegará dúas semanas despois de que a propia ministra Pastor e o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, estivesen presentes na inauguración oficial. Un percorrido ao que acudiron varios políticos e que supuxo tamén a presentación da nova estación Urzáiz-Vigo, na que se investiron 120 millóns de euros -aos que se engaden outros 183 millóns para os túneis das Maceiras- e que este martes recibirá xa os seus primeiros trens. Chega quince días despois de que se rematase o prazo para inauguracións que agora están vetadas ante a proximidade das vindeiras eleccións locais

O Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña é de 155,6 quilómetros, ten 61 túneis e 32 viadutos. Ademais, Adif licitou o pasado día 7 o proxecto para dotar de sistema de protección ERTMS ao trazado ferroviario, aínda que non funcionará plenamente ata dentro de ano e medio. Xa que logo, os ferrocarrís terán unha velocidade media de 130 km/hora e unha máxima de 200 km/h, polo que non alcanzará aínda a denominada alta velocidade, á que se achegará en canto o devandito sistema ERTMS si estea implantado. 

A ministra Pastor avanzou que serán dez traxectos por sentido ao día no caso dos trens máis rápidos e con paradas na Coruña, Santiago, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo. Tamén haberá servizos de proximidade que conectarán con estacións como a de Uxes, Cerceda, Ordes, Padrón ou Pontecesures. Segundo a titular do Goberno central, incrementaranse nun 50% o número de prazas, pasando das 185 actuais ás 282. 

Os trens terán unha velocidade media de 130 km/h e alcanzarán un máximo de 200 ata que non se active o ERTMS

 

O Eixo Atlántico vs o tren lento e precario

Este novo trazado non cubrirá, non obstante, todo o Eixo Atlántico. Queda fóra Ferrol e séguese agardando pola unión con Porto. Na actualidade, e malia a proximidade coa Coruña, en Ferrol só existen seis opcións diarias para viaxar en tren entre elas: cinco de media distancia e o Alvia de Madrid. A viaxe dura arredor de hora e cuarto e custa entre 4 e 15 euros. Se o destino elixido é Lugo a viaxe achégase ás dúas horas e dende alí sería imposible viaxar en tren directamente ata, por exemplo, Santiago, toda vez que entre as dúas cidades non existe vía férrea.

Porque no caso de Lugo, unha posible viaxe por tren á Coruña tan só disporía de tres trens entre as oito e media e as nove e media da mañá e de ningún máis ata as sete da tarde, hora a partir da cal hai dispoñibles outros tres. Dúas destas seis frecuencias implican tamén transbordo en Betanzos e ningunha permite completar o percorrido en menos dunha hora e media, se ben o viaxe dura ata dúas horas. Malia ás condicións escasamente competitivas nun percorrido que en coche esixe dispoñer apenas dunha hora os prezos oscilan entre os 10 e os 20 euros. No sentido contrario, da Coruña a Lugo, as frecuencias son só cinco e as tarifas van dos 9 aos 15 euros.

Ferrol, Lugo ou mesmo Ourense seguen con precarias, caras e lentas liñas ferroviarias con trazados antigos e escasas frecuencias

Entre Lugo e Ourense, só dous trens unen as dúas grandes cidades do interior galego en sentido sur e outros dous, en sentido norte. Trátase do Alvia que vai a Madrid e mais doutro tren de mdia distancia. Ambos parten de Lugo ás once da mañá e volven de Ourense ás cinco e media da tarde con prezos que van dos 7 aos 25 euros para unha viaxe de hora e media.

De achegármonos a outras localidades como Monforte, vila que noutrora foi o grande nó ferroviario de Galicia, tan só hai sete trens ao día cara á Coruña, dous deles con transbordo en Betanzos. Para realizar a viaxe terá que pagar entre 17 e 30 euros, segundo a hora, e prepararse para pasar no tren entre dúas e tres horas, dependendo do tren escollido.

Feijóo, Pastor e Caballero, na estación de Vigo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.