Galicia ten o seu propio 'caso Aguirre'

Ana Belén Vázquez, no Congreso Dominio Público Praza Pública

O incidente protagonizado por Esperanza Aguirre hai uns días cuns axentes de mobilidade en Madrid segue ocupando portadas e dando moito, moito que falar. O que se lle critica á ex presidenta da Comunidade de Madrid non é tanto a infracción cometida nun primeiro momento (estacionar o seu vehículo no carril bus) coma o desprezo e a prepotencia amosadas ante as indicacións dos axentes. A igualdade de dereitos e obrigas entre un político e calquera outro cidadán é un dos conceptos máis escoitados nos moitos faladoiros que seguen tratando esta cuestión: "calquera cidadán que fuxira da autoridade, esa noite tería durmido no calabozo", salientou o socialista José Quintana.

O pasado 18 de novembro o sarxento da Garda Civil de Bande multou a deputada por unha infracción de estacionamento e por non ter superada a ITV

Ao fío da polémica aberta por Esperanza Aguirre, a Asociación Unificada de Guardias Civiles (AUGC) vén de poñer sobre a mesa unha situación que cre equiparable, e que afecta á deputada galega do PP Ana Belén Vázquez, ademais vicepresidenta da Comisión de Interior do Congreso. O pasado 18 de novembro o sarxento da Garda Civil de Bande multou a deputada por unha infracción de estacionamento e por non ter superada a ITV. A AUGC denuncia que dende entón tanto a deputada coma o seu home, o alcalde de Bande Juan Antonio Armada, iniciaron unha serie de presións destinadas a provocar o traslado deste axente.

A AUGC sinala que nos últimos meses o rexedor "esforzouse pouco por dar exemplo aos seus veciños no cumprimento da lei, pero si parecía máis interesado por instigar a poboación contra os axentes do posto, aos que acusaba nos medios de conduta arbitraria e caprichosa". A este respecto un informe do Xefe da Comandancia de Ourense relata como o axente “viuse involucrado nunha serie de incidentes, entre eles denuncias penais e queixas de cidadáns, que motivaron unha serie de procesos penais e informacións internas, sendo arquivados na súa totalidade”.

A AUGC considera "un feito grave" calquera intento de coaccionar un axente, unha "gravidade que se acrecenta se a coacción parte dun personaxe público coa responsabilidade da señora deputada Ana Belén Vázquez"

A asociación conclúe que "os dous cargos parecen ignorar que as normas de tráfico están para cumprilas todos" e cre que a Dirección Adxunta Operativa “debería apoiar e defender o labor deste mando e os seus axentes”, sobre todo “cando no seu poder obra o informe do Xefe da Comandancia no que se exime de toda responsabilidade ao sarxento e os gardas civís de Bande”. A AUGC denuncia que “pola contra, optou pola fórmula caciquil: compracer aos cargos públicos e os infractores quitándolles do medio o sarxento”.

A entidade AUGC pregúntase así mesmo se a Garda Civil lle "consultará á señora deputada e ao señor alcalde o nomeamento do próximo sarxento". E considera "un feito grave" calquera intento de coaccionar un axente, unha "gravidade que se acrecenta se a coacción parte dun personaxe público coa responsabilidade da señora deputada Ana Belén Vázquez", sobre todo polo seu cargo na Comisión de Interior. A asociación tamén lle pediu á Fiscalía que abra dilixencias por se puidese existir un delito penal nestes feitos.

Ana Belén Vázquez, no Congreso Dominio Público Praza Pública
Bande © http://www.tain.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.