Industria nega a Santiago a mesma axuda que a Teo por enviar un informe en galego

Dous treitos da resposta do IDAE ao Concello de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A disciplina lingüística do IDAE, o instituto enerxético dependente do Ministerio de Industria, non atinxe só ao Concello de Teo. A negativa a concederlle ao concello teense unha axuda de 3 millóns de euros por incluír un documento en galego anexo á solucitude non foi a única. Non en van, case ao mesmo tempo chegou unha resolución en termos semellantes ao lindeiro Concello de Santiago, no seu caso denegando un préstamo de case 1,5 millóns para a mesma finalidade, a renovación de alumeado público, e con idéntica xustificación. Unha vez advertido ao respecto o consistorio compostelán respondeu cunha alegación e mais cunha tradución ao castelán do documento. No entanto, o organismo estatal mantén o seu veto.

Nas súas alegacións o Concello da capital advirte de que non se lle pode achacar un dos defectos formais contemplados na normativa fixente, alén de semellar "obvio" que, no canto de "desestimar" a solicitude, o que "debería" facer o IDAE é "requerirnos para que acheguemos o informe redactado en castelán". Asemade, agrega o goberno local, resulta "sorprendente" que o "defecto invocado" polo IDAE se refira "ao uso dunha lingua oficial de España e, en concreto, do Concello de Santiago, asunto que cremos que debera ser obxecto dun tratamento máis sensible e respectuoso". Adicionalmente, coida o consistorio, "a comprensión do documento redactado en galego por calquera persoa de mediana cultura é doadamente constatable".

Como no caso de Teo, o IDAE acusa o Concello santiagués de usar o galego por "resistencia"

A solicitude, asinada polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, o pasado 22 de xuño, vén de obter resposta do IDAE, que se mantén na súa negativa. Nela a entidade estatal reitera o requisito de que "a solicitude e a documentación" esixida para a optar a axuda fosen "presentadas en castelán" e argumenta, adicionalmente, que "o presente programa de axudas ten un ámbito de aplicación nacional, non circunscrito, polo tanto, ao territorio dunha comunidade autónoma concreta".

O goberno compostelán presentará un novo recurso e, no caso de ser denegado, estudará acudir á Xustiza

O instituto apoia a súa resposta nunha sentenza do Tribunal Supremo relativa a un conflito polo idioma, pero nunhas oposicións, para concluír, como fixo en Teo, que o Concello de Santiago non incorreu nun erro, senón que "ignorou a expresa previsión" de remitir todos os documentos en castelán "como unha resistencia á observancia de tal previsión". Este razoamento "ampara, ao noso xuízo, a non concesión" dun prazo para "subsanar" erros -o Concello xa remitira previamente a tradución-. Iso implicaría ademais, sinala, que o Concello santiagués tería un privilexio a respecto do resto de solicitantes.

Neste escenario, o goberno local de Santiago xa prepara un novo recurso mentres manifesta a súa estupefacción polo feito de que o IDAE sexa máis rigoroso coa institución por presentar un informe en galego que se non presentase o documento en cuestión. No caso de que ese recurso non fose admitido, indican fontes municipais, estudaríase a posibilidade de recorrer aos tribunais de Xustiza.

Pronunciamento d'A Mesa

"O Ministerio prioriza o fanatismo antigalego ao benestar da veciñanza"

O xeito de proceder do IDAE a respecto da documentación en galego era retrucado este martes dende A Mesa pola Normalización Lingüística, unha das entidades coas que o Concello de Teo se puxo en contacto tras recibir a rechamante resposta do organismo. A asociación de defensa da lingua censura que un organismo público "se atreva a considerar un acto de resistencia a presentación dun documento en galego, obviando que se trata dunha lingua oficial en Galiza". "Parece mentira -di o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira- que no Ministerio de Industria se priorice o fanatismo antigalego" fronte "ao benestar" da veciñanza que sería beneficiaria das axudas, subliña.

"Esta vén ser outra mostra da galegofobia que está a promover o PP nas institucións públicas", di Maceira, que ofrece "todo o apoio" da entidade ante "unha decisión dun racismo lingüístico que debería estar desterrado de calquera organismo público pertencente a un Estado minimamente democrático". A Mesa secunda, adicionalmente, a petición de dimisión do responsable do presidente do IDAE, Alberto Nadal.

O presidente do IDAE, Alberto Nadal, nun acto da Fundación FAES © FAES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.