Informe: 3 de cada 4 eurodeputados españois cobran sen dar pancada

Vista da Eurocámara en Estrasburgo dende a Presidencia © Parlamento Europeo

Repare ben nestes nomes: Raül Romeva, Ramon Tremosa, Ana Miranda e Izaskun Bilbao. Cantos deles recoñece? inspíranlle confianza? estaría disposto a votar por unha candidatura que encabezase algún deles? Se lles falo de Jaime Mayor Oreja, Magdalena Álvarez, Luis Yáñez ou José Manuel García-Margallo, é moi probable que axiña os identifique, e mesmo que teña votado nalgunha ocasión por eles, até mesmo como cabezas de lista. Pois ben, os catro primeiros son os eurodeputados do Estado español que obteñen unha avaliación sobresaliente polo seu traballo e nivel de asistencia no Parlamento Europeo, mentres que no segundo grupo –o de nomes ben coñecidos como os de Mayor Oreja ou Magdalena Álvarez– figuran os que pechan a clasificación cun nivel de traballo pouco maior que cero.

Nunha conxuntura como a actual, resulta especialmente preocupante –e indignante– o desleixo de boa parte dos eurodeputados españois

Nunha conxuntura como a actual, en que as decisións da Unión Europea son máis decisivas que nunca para o rumbo político e económico do Estado español e en que o Parlamento Europeo é a única instancia comunitaria elexida democraticamente, resulta especialmente preocupante –e indignante– o desleixo de boa parte dos eurodeputados españois, e moi nomeadamente o desinterese do PP e do PSOE polo traballo nesa institución. Diríase que, absorbidos na loita polo control do aparello do Estado, renuncian a intervir decisivamente en instancias que, como o Parlamento Europeo, tamén inciden de maneira determinante sobre as marxes de actuación do propio Estado. En fin, unha gravísima irresponsabilidade que ten nomes e apelidos, como se pode ver no estudo anexo, e que afecta a 3 de cada 4 eurodeputados españois.

Son os partidos nacionalistas ou soberanistas os que salvan a imaxe de España no Parlamento Europeo

Paradoxalmente, son os partidos nacionalistas ou soberanistas (ICV, CiU, PNV, BNG e en menor medida ERC) os que salvan a imaxe de España no Parlamento Europeo, cun nivel de traballo, asistencia e compromiso moi superior á media non só española, senón do propio europarlamento. A eles habería que engadir o representante de IU, aínda que cunha chata: presenta un magnífico nivel de rendemento, pero é o que máis falta, aspecto no que ademais é reincidente e ten empeorado os seus índices ao largo da lexislatura.

Sería desexable que a ansia de control da sociedade sobre os seus representantes públicos non se cinxise a momentos puntuais, como ocorreu hai quince meses coa campaña #eurodiputadoscaraduras con motivo da discusión sobre a presunta necesidade de que súas euroseñorías viaxasen en primeira clase, obviamente de xeito gratuito. Daquela, publicamos un primeiro estudo do rendemento dos eurodeputados españois, que agora presentamos actualizado, ampliado e mellorado, e que pomos a dispor da opinión pública para que cadaquén extraia as oportunas conclusións e actúe –ou non– en consecuencia.

Non se trata de recorrer a tácticas demagóxicas, como pode ser analizar un hemiciclo baleiro como sinal de ausencia de traballo

Non se trata, por suposto, de recorrer a tácticas demagóxicas, como pode ser analizar un hemiciclo baleiro como sinal de ausencia de traballo, xa que boa parte das tarefas dos eurodeputados se realizan en comisión, no seu despacho, nos corredores e mesmo ao teléfono. Mais cando ese traballo non ten o seu reflexo en iniciativas e intervencións tanto nos plenos como nas comisións do Europarlamento, é sinal de que algo falla. E, como veremos, esta situación dista moito de ser unha excepción.

 

Algúns datos que dan o que pensar

Permítame o lector que, sen ánimo de dirixir a lectura senón simplemente de facilitala, poña en destaque algúns dos datos máis significativos que se deducen do estudo ora publicado:

1. Un só eurodeputado, Raül Romeva (ICV) traballa máis que todos os do PSOE ou os do PP xuntos.
2. Mesmo aplicando un criterio moi xeneroso, só aproba 1 de cada 4 eurodeputados, porcentaxe que se reduciría a un 15% de aplicarmos a media europea de rendemento.
3. Os eurodeputados dos partidos nacionalistas son de largo os máis cumpridores, coa única excepción do representante de UDC –máis na liña dos seus amigos do PP que na dos seus socios de CDC.
4. Entre os minoritarios a nivel estatal, IU sae moi ben parada, co seu eurodeputado no grupo de honra; mentres que UPyD se sitúa na mediocridade, ficando lonxe do nivel do resto de forzas que, por teren un só eurodeputado, concentran o seu traballo nese representante.
5. A media de traballo dos eurodeputados do PP e do PSOE está na metade da media xeral española, o que significa que 2 eurodeputados de calquera deses partidos vale por 1. De feito, o traballo dos 47 eurodeputados de PP e PSOE equivale ao de 23 (que serían só 20 aplicando a media europea), polo que máis da metade sería sinxelamente prescindible.
6. De cada 4 eurodeputados españois, 3 suspenden rotundamente, ademais de que hai algo máis dun 25% que sinxelamente está de vacacións pagadas ás custas dos cartos públicos.
7. Cada eurodeputado conta cun gabinete composto por dous asesores, ao que hai que sumar o persoal que traballa para os grupos parlamentares nos cales se integra cada euroseñoría e os dos respectivos aparatos partidarios dentro de España. Por tanto, a neglixencia ultrapasa o ámbito individual e atinxe unha dimensión maior; o que desde logo tamén vale á inversa, e é que os méritos –nos casos en que os hai– tamén deben ser compartidos.

 

No país dos cegos, o PSOE é o torto: ou "quen non se consola..."

O PP copa o ranking do absentismo

No referido ao absentismo, criterio obxectivo onde os houber, o PP copa o ranking da preguiza. Todos os eurodeputados que superan en máis do 50% a media española de inasistencia pertencen ao Partido Popular, coa soa salvedade de Willy Meyer (IU). Novamente, tamén neste apartado os nacionalistas dan exemplo, excepción feita de Salvador Sedó (UDC). Con todo, e medias aparte, hai un bo número de representantes dos partidos maioritarios que si cumpren neste apartado, máis no PSOE que no PP; por outra banda, Sosa Wagner (UPyD) destaca positivamente como un dos máis frecuentes.

O PSOE tamén salva mellor os mobles que o PP no que tanxe aos nomes ilustres

Ademais de saír mellor parado no tocante ás estatísticas de asistencia en comparación co PP, o PSOE tamén salva mellor os mobles no que tanxe aos nomes ilustres. Polo menos, o seu cabeza de cartaz, López Aguilar, está no grupo dos aprobados, no cal tamén se integra Ramón Jáuregui; sirva de mínima compensación para o papelón que fan outros compañeiros de partido, e moi notadamente Magdalena Álvarez ou Luis Yáñez. Pola súa parte, no PP sobreabundan os nomes ilustres no fondo da clasificación, a exemplo de García-Margallo, Carlos Iturgaiz, Pilar Ayuso ou Mayor Oreja, e non moito mellor situados están Pilar del Castillo ou Luis de Grandes, entre outros.

Mayor Oreja é un dos campións tanto na categoría do absentismo como na da nugalla

O caso de Mayor Oreja é para lle dar de comer aparte: é un dos campións tanto na categoría do absentismo como na da nugalla, e ademais reincide en ambos apartados a respecto da anterior entrega do estudo. Se en calquera caso iso constituiría un caso grave de irresponsabilidade, moito máis aínda cando se trata do cabeza de lista do PP.

Para concluir esta parte da análise, un dato politicamente incorrecto, pero rechamante: as mulleres acadan unha media de rendemento ben menor que os homes. Entre eles, o 19% ten nota igual ou superior ao notable e o 36% aproba; entre elas, as porcentaxes caen até un 9% e un 13%, respectivamente. Por certo, as mulleres son só un escaso 41% do total.

 

Ana Miranda, a cara; Carmen Fraga, a cruz

Entre os catro representantes galegos, as contas están claras: Ana Miranda (BNG) fai un traballo que equivale ao de 4 eurodeputados, mentres que no extremo contrario farían falta 4 como Carmen Fraga (PP) para facer o traballo de 1. Ademais, Ana Miranda é a menos absentista, en canto Carmen Fraga falta tanto como os outros tres eurodeputados galegos xuntos.

Ana Miranda lidera todos os apartados positivos; Carmen Fraga destaca negativamente

Antolín Sánchez Presedo (PSdeG-PSOE), mesmo ficando moi lonxe do nivel de rendemento de Ana Miranda, salva a cara, xa que el só traballa tanto como os dous eurodeputados galegos do PP. E é que Millán Mon (PP) só se salva dos titulares grazas á desidia da súa compañeira de partido, Carmen Fraga.

Ana Miranda, desde a súa incorporación á eurocámara, realiza o 73% do traballo dos catro eurodeputados galegos

Dado que a representante do BNG comezou o seu mandato o día 1 de xaneiro deste ano, ao paso que os do PSdeG e PP o fixeron o 14 de xullo de 2009, hai unha evidente diferenza entre as cifras absolutas e as relativas. En termos absolutos, hai unha notable igualdade entre os 3 partidos galegos con representación do Europarlamento canto ao número de intervencións rexistrado: dun total de 396, débense ao PP 139, ao PSdeG 134 e ao BNG 123. En termos relativos, o BNG destácase na cabeza, xa que Ana Miranda desde a súa incorporación á eurocámara realiza o 73% do traballo dos catro eurodeputados galegos (o que lle permite estar entre o 5% dos mellores eurodeputados do conxunto da UE); pola súa parte, o PSdeG deixa a desexar, con pouco máis do 13%; e o PP defrauda completamente, cun escaso 14% repartido entre os seus dous representantes.

*  *  *  *  *

O texto deste artigo tamén está disponible en español, ben como o estudo cuantitativo. | El texto de este artículo también está disponible en español, así como el estudio cuantitativo.
Vista da Eurocámara en Estrasburgo dende a Presidencia © Parlamento Europeo
Jaime Mayor Oreja © www.jaimemayororeja.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.