Interviú sácalle as cores ao alcalde de Ferrol

Lectura do pregón das festas, este verán © Concello de Ferrol

A adxudicación das festas dos dous últimos veráns en Ferrol estivo rodeada pola polémica. Durante semanas o tema encheu as páxinas dos medios locais e espertou as críticas dos grupos da oposición, sobre todo en referencia á empresa beneficiaria dos festexos nos dous últimos anos, Jarabe Comunicación, que segundo denunciaba o PSdeG-PSOE se constituíra apenas un día antes da aprobación dos pregos do concurso de adxudicación en 2012. A mesma empresa fíxose cos contratos no verán de 2013, 630 mil euros destinados a pagar os eventos do resto da lexislatura (verán e nadal de 2013 e 2014).

Na diana das críticas estaba a empresa Jarabe Comunicación, e unhas supostas relacións privilexiadas co goberno municipal

A oposición criticaba, ademais, que a contratación para as festas deste verán se abrira por un procedemento de urxencia, con apenas oito días naturais para presentar ofertas, nunha convocatoria sen publicidade. "É imposible contratar a ninguén nese prazo", laiábase algunha empresa. Tamén amosara a súa estrañeza polo feito de que algúns artistas anunciaran nas súas webs a confirmación dos seus concertos en Ferrol mesmo antes de que o concurso fora adxudicado. Na diana das críticas estaba a empresa Jarabe Comunicación, e unhas supostas relacións privilexiadas co goberno municipal.

No último número da revista Interviú publícase unha extensa reportaxe de investigación, titulada Contrata mágica en Ferrol, que afonda nas dúbidas sobre Jarabe Comunicación. O texto salienta que se tratou dun "concurso con empresas pantasma, unha adxudicación sen apoio dos técnicos municipais, artistas que anuncian os seus concertos antes da concesión, e unha adxudicataria a cuxo propietario sinala a oposición como cachorro do PP". O centro do artigo é, precisamente, Óscar Faraldo, dono da empresa, a quen Interviú vincula co PP e co alcalde Rey Varela, ademais de salientar que "non explica como é que a súa empresa, Jarabe Comunicación, naceu un día antes da convocatoria e ao día seguinte tiña apalabrados os artistas coas súas datas".

Segundo Interviú, Faraldo "non explica como é que a súa empresa, Jarabe Comunicación, naceu un día antes da convocatoria e ao día seguinte tiña apalabrados os artistas coas súas datas"

En setembro, os grupos da oposición dirixíranse mesmo ao secretario do Concello, pedíndolle a súa valoración sobre a idoneidade do procedemento de urxencia para estas contratacións. O secretario sinalou nun documento que "non era pertinente utilizar o procedemento de urxencia para a licitación, posto que se trata de acontecementos xa previstos no calendario". O socialista Jaime Pena concluía que se tratara “dun proceso dirixido e organizado para darlle as festas á empresa que o goberno quería”. Por EU, Javier Galán sinalaba que “é o primeiro caso que sae á luz pero entendemos que é unha política de certa normalidade desde que está o goberno de maioría absoluta do PP”.

Lectura do pregón das festas, este verán © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.