Leiceaga apela aos "300.000 indecisos" e advirte que "todo está por escribir"

Touriño, xunto a Leiceaga, en Compostela © PSdeG

Xoaquín Fernández Leiceaga apelou aos "300.000 indecisos" que indican as enquisas en Galicia e que son os que "decirán que Galicia teremos". Nun mitin na praza das Conchiñas da Coruña, e como pola mañá fixera en Ferrol, o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta advertiu que "todo está por escribir" de cara aos resultados do 25S. 

Leiceaga apela aso "300.000 indecisos" e advirte que "todo está por escribir" nas eleccións

Leiceaga asumiu que, "logo de tantos procesos electorais" mesmo "é normal" que haxa quen "pensa se ir votar", pero avisou tamén que nas eleccións hai por elixir dous camiños: "o do PP de rcortes e unha política nada exemplar" ou a do PSdeG "de rexeneración" e de recuperación dos dereitos básicos. 

Ademais, Leiceaga insistiu en que o PSdeG "é a clave para unha alternativa solvente" porque "sempre foi así” e asegurou que "cando en Galicia houbo cambio, foi cos socialistas". "Só haberá cambio se o lideran os socialistas; cando a xente viu que podía ser outro o que o lideraba, non o houbo", insistiu, malia deixar claro que o PSOE será fundamental para conformar "un goberno de progreso" a partir do vindeiro domingo. 

O PSdeG insiste en que o cambio só será posibel "se o lidera o PSdeG"

Nesa mesma liña, o candidato socialista advertiu que "o PP intenta xerar unha ficción". "Dinnos sempre que son eles ou o populismo, eles ou o caso. E iso é irreal. O que queren é sacarnos do medio porque élles máis fácil competir contra o populismo", rematou. 

 

Touriño apoia o candidato

Por outra banda, e nun almorzo organizado polo Fórum Europa-Tribuna Galicia, o ex presidente Emilio Pérez Touriño gabou a "acreditada honestidade e capacidade" de Leiceaga, de quen dixo que era "o mellor presidente que pode saír electo" o vindeiro domingo. 

Touriño ve en Leiceaga "o mellor presidente que pode saír electo"

"Un presidente non se improvisa nun mes ou dous. Nun país maduro democraticamente como Galicia, é froito da decantación dunha experiencia e solvencia acreditadas", asegurou Touriño, que falou de Leicega como "un excelente economista", "un bo compañeiro e amigo", así como dun excelente coñecedor do país e das súas necesidades. E lembrou que, sendo alumno del, recibira unha "matrícula de honra" algo que, destacou, non é doado. 

Ademais, o ex presidente da Xunta entre 2005 e 2009 tamén destacou a "capacidade de diálogo" de Leiceaga nun acto no que só houbo unha ausencia destacada: a do alcalde de Vigo, Abel Caballero. 

Touriño, xunto a Leiceaga, en Compostela © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.