Leiceaga: "Estamos todos xuntos nun obxectivo, que é derrotar o PP nas eleccións do outono"

Xoaquín Fernández Leiceaga Dominio Público Praza Pública

“Produciuse un triunfo da nova política, das ideas de renovación e dunha nova forma de facer as cousas que nos vai permitir ser unha referencia fronte ao Partido Popular e construír esta alternativa". Deste xeito explicou Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, as razóns que o levaron a obter a vitoria nas eleccións primarias que a formación celebrou este sábado. Unhas primarias nas que o economista noiés obtivo un triunfo axustado pero claro, superando o seu contrincante, José Luís Méndez Romeu, por máis de 700 votos (3.662 a 2.916).

Un e outro candidato amosaron unha posición de unidade nas súas primeiras intervencións trala comunicación dos resultados. "Estamos todos xuntos nun obxectivo, que é derrotar o PP nas eleccións do outono e conseguir a Presidencia da Xunta de Galicia", destacou Fernández Leiceaga. "Pido dende este momento que todas as persoas que apoiaron a miña candidatura traballen con lealdade na dirección que marque quen agora mesmo é o candidato de todos os socialistas na procura do que pretendemos, que é cambiar o rumbo do Goberno de Galicia", sinalou Méndez Romeu, que cualificou os resultados de "concluíntes".

De inmediato o xa candidato socialista fixou os deberes e retos que considera que a formación debe afrontar nos vindeiros meses, coas eleccións autonómicas do outono como principal obxectivo: "Temos que construír en pouco tempo unha alternativa sólida e eficaz que nos leve á Presidencia da Xunta", dixo. “Debemos renovar a nosa oferta, de xeito que nos permita conectar con toda a sociedade. Con aqueles que son xa os nosos votantes, pero tamén con aqueles que poden selo no futuro: os que nos abandonaron, ou os novos votantes que poden achegarse ao noso proxecto”, engadiu.

Conseguimos facer deste proceso de primarias un exemplo para a política en Galicia"

Leiceaga fixo especial fincapé no valor das primarias e no exemplo que marcan na política galega: “Foi un proceso de primarias que cumpriu todas as expectativas que cumpríramos dende un inicio. Foi un proceso participativo: a militancia estivo implicada e mobilizada". "A principal vantaxe das primarias é que nelas todos os militantes son iguais. Conseguimos facer deste proceso un exemplo para a política en Galicia", concluíu. Para Leiceaga, “produciuse un triunfo da nova política, das ideas de renovación e dunha nova forma de facer as cousas". 

Semella que o resultado das primarias do PSdeG-PSOE pode facilitar un acordo entre os socialistas e a marea se nas eleccións de outono o Partido Popular perde a súa maioría absoluta. Leiceaga afirmou (ao contrario que Méndez Romeu) que "non sería reticente" a un goberno de coalición coas mareas. "Se aritmeticamente hai posibilidades, hai que intentalo seriamente", dixo. O candidato derrotado amosárase, ademais, particularmente crítico cos goberno municipais das mareas e sinalara que "No seu día apoiamos os gobernos das mareas porque era a vontade maioritaria do corpo electoral, pero vemos que non funcionan; estamos facendo por que rectifiquen pero non podemos calar ante a posición de desgoberno dalgunhas cidades".

“Produciuse un triunfo da nova política, das ideas de renovación e dunha nova forma de facer as cousas que nos vai permitir ser unha referencia fronte ao PP e construír esta alternativa"

En todo caso, Fernández Leiceaga descarta a posibilidade de que as mareas obteñan máis deputados que o PSdeG-PSOE e amósase convencido de que os socialistas poderán liderar un goberno alternativo. "A análise dos últimos 30 anos en Galicia indica que cando non gobernou o PP foi porque houbo unha alternativa liderada polo PSOE" e que "cando o PSOE non estivo en condicións de liderar esta alternativa non houbo cambio, como sucedeu en 1997", afirmara en entrevista con Praza no momento de presentar a súa candidatura.

 

As provincias da Coruña e Lugo, fundamentais

Fernández Leiceaga asentou a súa vitoria nos claros triunfos acadados nas provincias de Lugo (400 votos de diferenza) e A Coruña (650), que compensaron con creces a axustada maioría de Méndez Romeu en Ourense e a algo máis clara de Pontevedra. Aínda que na cidade de Vigo o apoio de Abel Caballero resultou eficaz para unha contundente maioría de Méndez Romeu, e de que este tamén de impuxo en Santiago e A Coruña, os votos no resto do país -comezando polas urbes de Ourense, Ferrol, Lugo ou Pontevedra- outorgáronlle a Leiceaga unha vitoria concluínte.

Xaquín Fernández Leiceaga, exercendo o seu voto este sábado Dominio Público @xocas2016
A presidenta da xestora da formación, Pilar Cancela, anuncia os resultados © PSdeG-PSOE
Votación na agrupación coruñesa do PSOE Dominio Público @fitoferreiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.