“Os elementos da dereita só conciben unha patria artificial posta ao servizo dos seus intereses”. Con esa cita de Castelao, despois de que o presidente Feijóo acusase ao resto de grupos de apropiarse dos símbolos do galeguismo, comezou o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, a súa intervención no debate de política xeral. Fíxoo contrapoñendo o a proposta do PSdeG dun “impulso socialdemócrata” que aproveite “as oportunidades que abre o cambio de talante e o compromiso co autogoberno do executivo de [Pedro] Sánchez” fronte á “inercia e á propaganda” que ao seu ver son as únicas propostas do actual Goberno galego “co único obxectivo de manterse no poder”.
O portavoz do PSdeG critica a “inercia e propaganda” do Goberno galego que atribúe a que “o único proxecto político de Núñez Feijóo chámase Núñez Feijóo”
Leiceaga comezou facendo repaso a o “que lembramos dos seus últimos doce meses, se deixamos a un lado o episodio de noivo á fuga da dereita española”, en referencia á decisión de Feijóo de non aspirar á presidencia do PP estatal. E enumerou: “Os incendios do outono pasado, con tres falecidos, a interminable folga da xustiza, o descoloque coa folga feminista do 8 de marzo, os venres negros da CRTVG ou o falecemento dun paciente do PAC da Estrada”. O portavoz socialista tamén puxo o foco nas necesidades sociais salientando qu e131.456 persoas viven en Galicia “con carencia material severa”, detallando que iso significa que non poden facer “unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, manter a vivenda cunha temperatura adecuada, pagar regularmente os gastos da vivenda principal e dispoñer de teléfono”, catro características “á vez” das que, dixo, “seguramente ningún de nós, deputados sabe o que é vivir así, pero un de cada 20 dos nosos compatriotas en Galicia o experimenta cada día”.
"A Xunta de Galicia camiña mentres a realidade corre", di Leiceaga, porque "non teñen un proxecto para o país"
Fronte a esas crises, dille o socialista a Feijóo, “o seu goberno está paralizado, está axudando moito menos do que é esixible”, de xeito que “a Xunta de Galicia camiña mentres a realidade corre”, o que se produce, segundo di, porque “non teñen un proxecto para o país”. Leiceaga puxo como exemplo da parálise o feito de que das once leis que a Xunta incluía no seu programa lexislativo para este ano non foi rexistrada aínda ningunha para a súa tramitación no Parlamento. “En realidade, o único proxecto político serio de Alberto Núñez Feijóo chámase Alberto Núñez Feijóo”, engadiu, asegurando que o recente cambio de Goberno débese ao seu desexo de manter a continuidade e o “control persoal”.
Para o portavoz socialista o recente cambio de goberno na Xunta "anuncia que ten na cabeza volver ser candidato no 2020" e pregúntase: “Non era prudente limitarse a dúas lexislaturas?”
“Este goberno menor anuncia que ten na cabeza volver ser candidato no 2020”, prognosticou o socialista, preguntándose de xeito irónico: “Non era prudente limitarse a dúas lexislaturas?”, lembrando así palabras do propio Feijóo sobre a limitación de mandatos que no seu momento consideraba recomendable. Leiceaga tamén lembrou outra declaración histórica de Feijóo, a de que nos oitenta votara por Felipe González: “De ser así, o Feijóo do 82 non votaría por Feijóo 09, por Feijóo 012 ou por Feijóo 016, e moito me temo que tampouco por Feijóo 020”.
Co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na tribuna de invitados, Leiceaga contrapuxo “a receita” do PSdeG e do PSOE de Sánchez, que definiu como un “impulso socialdemócrata” con “respecto ás identidades e aos autogobernos, con potentes mecanismos de igualación que eviten a discriminación entre cidadáns en función do lugar onde vivan”. Un modelo que, segundo dixo, está a impulsar o Goberno central de Sánchez co seu “cambio de talante” que xa permitiu, segundo os dous exemplos que puxo, desbloquear o debate sobre a transferencia da AP-9 ou iniciar a revisión da titularidade do Pazo de Meirás. “A vontade é total, o compromiso tamén”, dixo sobre esa última cuestión, para pedir a continuación “un mínimo tempo para que as cousas se fagan ben”.
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, e Javier Losada, delegado do Goberno, ao fondo, na primeira liña da tribuna de invitados durante o discurso de Leiceaga [CC BY-SA Praza Pública]