Leiceaga ve necesario "desterrar" o "sectarismo" de Pachi Vázquez no PSdeG

Leiceaga, voceiro de universidades do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Leiceaga carga contra Pachi Vázquez. O ex deputado do PSdeG cre que "o sectarismo" do actual secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez "débese desterrar" e apostou por que o PSdeG conte "con máis participación da militancia", sexa "máis autónomo en relación co proxecto federal" e estea "máis centrado en valores progresistas e nun galeguismo integrador" de cara ao futuro.

Leiceaga cre que o tempo demostrou que Pachi Vázquez exerceu "o sectarimso" e non logrou "empatía social"

Durante unha entrevista concedida á Radio Galega, o ex voceiro socialista no Parlamento asegurou que a etapa de Pachi Vázquez á fronte do PSdeG naceu "cunha grande expectativa", pero que o tempo "foi mostrando progresivamente dous trazos" que, segundo el, "débense desterrar de cara ao futuro: un sectarismo interno que lle levou a non contar con xente moi valiosa no partido e unha incapacidade de ser empático coa maioría social".

Así, e para Leiceaga. as eivas amosadas por Pachi Vázquez, xunto "unha situación global moi complexa e tres crises encadeadas -a económica a social e a política", traducíronse no "baixo apoio electoral" obtido polo PSdeG nos últimos comicios. Neste punto, o ex deputado ve "necesaria" unha renovación "moi profunda".

Aposta por celebrar o Congreso dos socialistas na vindeira primavera

En canto ás datas nas que se debería celebrar o Congreso dos socialistas, Leiceaga cre que debería ser sobre a primavera de 2013 "para poder participar de forma decidido na renovación do socialismo español, poder preparar as eleccións municipais e, sobre todo, para dicirlle aos cidadáns que entendemos a mensaxe que nos mandaron e que estamos dispostos a abrir nova etapa"

Ademais, cre que a elección do novo secretario xeral debería facerse "por primarias" se se elixe o candidato cun modelo de primarias "como o francés". "Isto esixe cambiar os estatutos polo que non poderá facerse no próximo Congreso" no que "este debe de ser un dos acordos" a alcanzar, aclarou.

Preguntado sobre a posible carreira cara á secretaría xeral do os socialistas lucenses José Ramón López Besteiro e José Blaco, Leiceaga considerou que "aínda é tempo de debater sobre as ideas". "Non é que as persoas non sexan importantes, que son decisivas", asegurou o socialista antes de sinalar que "aínda non está aberto o proceso" e que aínda non se saben cales van ser as regras".

Con todo, considerou asegurado que "Besteiro é un dos elementos de referencia no partido, e ten un gran papel que xogar no futuro" así como José Blanco que "desde hai moito tempo é outra das figuras de referencia do socialismo galego e  manifestou por activa e pasiva que quere xogar un papel no futuro".

"AGE só ten cultura de oposición e neste momento é necesaria unha cultura de goberno"

Preguntado sobre como altera o mapa político galego a chegada de Alternativa Galega de Esquerda ao Parlamento tras os pasados comicios, asegurou que "ten a gran virtude de introducir máis competencia" pero, ao seu xuízo, na coalición "non existe máis que unha cultura de oposición" e "é necesario, neste momento, promover unha cultura de goberno".

"Esta debe de ser a gran aposta do Partido Socialista nos próximos tempos", considerou. "O PSOE debe construír un proxecto para a maioría social e non creo que nin AGE nin o BNG estean en condicións de facelo", finalizou.

Leiceaga, voceiro de universidades do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.