Máis Galiza entra na súa semana máis decisiva a dúas semanas de decidir se deixa o BNG

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Días transcendentais para Máis Galiza e, polo tanto, para a configuración interna do BNG. A apenas dúas semanas de que a corrente que encabeza Carlos Aymerich celebre asemblea nacional para decidir o seu rumbo futuro ou, o que é o mesmo, para reflexionar sobre a súa permanencia ou marcha da formación frontista, as forzas internas defínense. En pleno proceso para constituírse formalmente como partido político, en +G distínguense dous polos, nos que a súa militancia se agrupa, esencialmente, en función de preferiren ficar ou abandonar a formación frontista, que mesmo poderían derivar en dúas listas na cita asemblear.

Estas dúas sensibilidades sentarán á mesma mesa este xoves, no Consello Político Nacional da corrente, unha cita que fontes internas consultadas por Praza Pública ven "decisiva" de cara a tender pontes e, polo tanto, salvar a posibilidade de que a asemblea sexa "de confrontación". As mesmas fontes apuntan que, en anteriores xuntanzas, "a maior parte" do Consello Político foi proclive á marcha, se ben aumentan os que chaman agora a matizar esa posibilidade. En boa medida, as voces que apostan pola permanencia son institucionais, isto é, alcaldes e alcaldesas, así como parte das cabezas visibles de +G, entre elas o propio Aymerich. As argumentacións a prol de quedar no Bloque son diversas pero pódense resumir en dúas: a necesidade garantir a "estabilidade institucional" nos municipios e a de non transmitir un panorama máis inestable no nacionalismo de cara ás eleccións autonómicas.

Entre quen avoga por marchar -tanto militantes individuais como correntes definidas, caso por exemplo da Mocidade Nacionalista Galega- tamén se opta pola prudencia. Ven "posible" chegar á asemblea con dúas tendencias moi definidas e mesmo con dúas listas, pero coidan que "non é o desexable" e nin sequera é algo que "se comezase a formular". No entorno dese sector considérase tamén "crucial" a xuntanza do Consello Político, ao que cren que poderían chegar propostas como formular a relación co BNG en clave de "coalición" electoral ou apostar por unha Asemblea Nacional Extraordinaria, que reordene as forzas internas tras a escisión do Encontro Irmandiño. Ambas posibilidades, din, semellan "dificilmente realizables" nun contexto no que, engaden, a "emotividade" tampouco é unha cuestión menor, dado que existen militantes de +G que se resisten a abandonar o BNG despois de levar "moitos anos traballando dentro".

Así as cousas, o escenario de cara a ese Consello Político do xoves está ateigado de interrogantes, aos que se suman tamén o papel que poderan ou non xogar os integrantes de +G que xa deixaron o Bloque ou as posicións nas que se poidan situar dirixentes como Aymerich no caso de que se cheguen a conformar dúas candidaturas. 

Constitución de +G, en 2009 CC-BY-SA Máis Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.