Un informe da Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE) acredita o pago de diñeiro negro desde o PP de Pontevedra a Mariano Rajoy e María Dolores de Cospedal. Segundo adianta a Cadena SER, o documento aclararía como o PP provincial non devolveu á sede central unha débeda que, segundo Luis Bárcenas, acabouse pagando en B ao actual presidente do Goberno e á actual secretaria xeral da formación, o que daría "veracidade" á explicación que o ex tesoureiro deu ante a Xustiza.
Un informe da IGAE acredita o pago de diñeiro negro desde o PP de Pontevedra a Rajoy e Cospedal
Esta revelación xorde da peza separada da caixa B do PP e demostraría a veracidade das palabras de Bárcenas sobre algúns pagos en negro e, concretamente, sobre aquel suposto reparto en 2010 -xa posterior a 2008 e, polo tanto, ao ano no que conclúen os famosos papeis do ex tesoureiro- de 50.000 euros "en man e en sobres de cor marrón e billetes de 500" a Rajoy e Cospedal.
Bárcenas xa advertira dun embargo de 160.000 euros na conta da sede central do PP por culpa dunha débeda do PP de Pontevedra, o que vinculara á entrega de 50.000 euros en negro desde Galicia por esa débeda que el mesmo entregou a Rajoy e Cospedal. "Vinte e cinco mil a cada un", dixera ante o xuíz o pasado 15 de xullo.
Os cartos chegados desde o PP de Pontevedra acabarían "en sobres de cor marrón e en billetes de 500"
Agora, o informe da IGAE acredita que o embargo a Pontevedra existiu e que foi asumido pola sede estatal do partido. No escrito confírmase a existencia dun embargo da conta da sede central pola débeda de "provedor PP Galicia" e que data do 21 de setembro de 2009. A cifra sería maior á que dixo Bárcenas, case 180.000 euros, pero iso deberíase aos intereses devengados.
A IGAE acreditaría tamén as palabras de Bárcenas nas que aseguraba que o PP de Pontevedra non devolveu a débeda por conduto oficial ningún, xa que o libro maior e diario da sede provincial non ten "movemento ningún que permita establecer unha relación directa cunha devolución pola sede de Pontevedra do fondos embargados á sede central en 2009".
Bárcenas e outro ex tesoureiro do PP confirman os indicios do informe e o pago chegado desde a sede provincial de Pontevedra
Este informe suporía un indicio máis dos que xa hai no xulgado que dirixe Pablo Ruz sobre a certidume de moitas das anotacións de Bárcenas nos seus documentos manuscritos. De feito, o ex xerente do PP, Cristóbal Páez, na súa declaración como testemuña tamén confirmara a existencia do embarga por unha débeda de Galicia e que mentres el estivo na formación "o diñeiro non chegou" por conduto oficial ningún. Segundo Páez, o PPdeG si tivo a intención de paglo por outra vía, xa que afirmou que nun momento "dixeron que eles o podían devolver". "Eu díxenlles que non, queu o tiñan que devolver cunha transferencia" porque "iso" tiña que "volver á conta do partido".
Cristóbal Páez teríalle comunicado esta débeda a Rajoy e Cospedal, pero a actual secretaria xeral negouno e dixo non lembrar a existencia da débeda e rexeitou ter recibido sobre con cartos en negro ningún.