Manel Cardoso, novo coordinador de Espazo, que foxe "do formato de partido tradicional"

Grupo Dinamizador de Espazo, no Manel Cardoso no centro CC-BY-SA Espazo

Espazo Ecosocialista Galego celebrou este sábado en Ames a súa III Asemblea, que renovou a súa dirección, elixindo a Manel Cardoso como novo coordinador, en substitución de Xoán Hermida. Así mesmo, a asemblea decidiu mudar o nome da formación, que pasará a denominarse simplemente Espazo.

A asemblea de Espazo, na que participaron medio cento de persoas, analizou o escenario político xurdido da celebración das eleccións municipais e aprobou un documento que busca reforzar a formación "como un instrumento político lonxano a un partido tradicional e pensado en clave de Colectivo de Intervención Política, centrado no campo das ideas e das novas axendas e no acompañamento de activistas".

O encontro analizou o relativo á construción do bloque político-social de cambio. Para Espazo "son tres as piares para conformar esa cooperación democrática e cívica: os partidos políticos de ruptura, as mareas municipalistas e os movementos sociais". Neste senso, a asemblea valorou positivamente o pre-acordo acadado por Anova, Esquerda Unida e Podemos para construír unha candidatura de unidade popular para as próximas xerais.

Para Espazo, "agora tócalles ás mareas municipalistas traballar na coordinación das mesmas e na elaboración dunha folla de ruta propia que sexa compatible coa acordada polos partidos". Tamén entende que Marea.gal debe incorporarse ao proxecto, "que será necesariamente compartido e participativo". A formación tamén acordou como outra liña de traballo "seguir avanzando na reconstrución dun instrumento da esquerda renovadora galega", polo que manterá contactos e iniciativas con outras forzas para "avanzar nese terreo".

A asemblea elixiu o seu Consello Dinamizador que estará conformado por 5 mulleres e 5 homes e encabezado por Manel Cardoso, traballador de Navantia, como novo coordinador. Ademais, Espazo relanzará o Foro OBenComún para a análise e a elaboración de ideas, que estará dirixido por Xoán Hermida e que contara co histórico socialista e republicano Carlos Etcheverría como presidente de honra.

Grupo Dinamizador de Espazo, no Manel Cardoso no centro CC-BY-SA Espazo
Imaxe da III Asemblea de Espazo CC-BY-SA Espazo
Novo logo de Espazo, coa súa nova denominación CC-BY-SA Espazo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.